O rexedor contou que “nestes días estamos empezando a execución deste ambicioso proxecto dirixido á mocidade, a todos eses rapaces e rapazas que nos levan moito tempo demandando espazos públicos de lecer, de deporte non regrado, é dicir, para botar unhas pachangas, e dos que a vila de Ribadeo lamentablemente non tiña”.
Suárez Barcia dixo que “logo dunha licitación longa e complexa a obra foi adxudicada á empresa Zona de Obras O Rosal, que terá agora un prazo de execución dun máximo de 6 meses polo que contamos que no outono poida estar rematada”.
O alcalde explicou que “o proxecto contempla a construción dunha pista multideporte para fútbol, para baloncesto e para voleibol duns 1.000 m2. Tamén contempla outra pista de skate con gradas de máis de 1.400 m2, así como unha zona para a práctica da calistenia. Loxicamente contemplase zonas arboradas, de xardín, zonas de paseo, un moderno sistema de alumeado, etc. para que esta zona de reunión sexa útil durante todo o ano. En total imos actuar nunha superficie de máis de 7.000 m2 nos terreos municipais da mazá interior entre a Avda. de Galiza e as Rúas Daniel Cortezón e Pintor Fierros, xa que están así establecidos no vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal para este tipo de finalidades”.
Fernando Suárez subliñou que “toda esta actuación ten un custo económico de 460.000 euros e para o que contamos con unha importante achega da área de Deportes da Deputación de Lugo que foi sensible ás nosas demandas, especialmente porque tiñamos esa débeda pendente con toda a xente moza”.
Nas últimas horas estiveron supervisando o inicio deses traballos o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Mocidade e Igualdade, Mariluz Álvarez, e o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz.