Foz, 14 de xuño de 2022. Despois duns anos de parálise por mor do COVID, o Concello de Foz anuncia que a Feira da Espiñeira volverá este domingo 19 de xuño no recinto habitual na parroquia de Vilaronte.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “ao gando habitual de vacas e cabalos sumaranse outros animais nunha xornada de festa que tivera unha gran importancia económica no seu momento. A feira, que fora recuperada no ano 1998 por parte dos veciños da Espiñeira despois de 20 anos sen celebrarse, continúa coa organización do Concello: é moi importante, cada vez máis, tamén para que os cativos teñan contacto coa natureza e a gandería. Vamos poder desfrutar dos animais, pero tamén haberá música co Dj Tapy García, cantina e, por suposto, unha pulpería para todos os que queiran pasar o día na Espiñeira”.
A feira da Espiñeira celébrase de forma habitual o terceiro domingo do mes de xuño, o anterior ao San Xoán, patrón da parroquia de Vilaronte, e que ten as súas festas nesa data, polo que a feira de gando é sempre a antesala aos festexos da parroquia.
O Concello lembra que as portas abriranse ás 11 da mañá e ás 12 horas haberá un pasarrúas. A partir das 13 horas, sesión vermú, coa novidade este ano dun inchable gratuíto para os máis cativos.
“Con 800 euros en premios para as cabezas que se expoñan, o Concello de Foz anima a todo aquel que queira mostrar os seus animais nunha xornada que se espera sexa moi animada”, remata o alcalde.