Site icon Crónica3.com A Mariña

“Descubre Viveiro”, por María Loureiro

Quero como alcaldesa do Concello de Viveiro aclarar determinados aspectos arredor do programa ‘Descubre Viveiro’.

Como ben saben os nosos veciños e veciñas, o Concello de Viveiro presentou a pasada semana este novo programa de promoción turística. Como se explicou no seu momento, trátase dun proxecto impulsado pola Concellaría de Turismo e no que se ven traballando desde hai máis de dous anos.

‘Descubre Viveiro’ é un proxecto amplo e ambicioso, que xa estaba incluído no noso programa electoral e que non se puido presentar ata agora por mor das circunstancias vividas. Sufrimos unha pandemia mundial, que obrigou a modificar a programación de goberno que tiñamos prevista e a traballar cos sectores máis afectados pola pandemia.
Véxome na obriga de aclarar esta cuestión, deixar claro que ás veces os proxectos tardan máis do previsto, pero non se improvisan. O goberno municipal non actúa segundo a moda que haxa en cada momento, como fai a concelleira do BNG.

Evidentemente, nós non utilizamos politicamente o noso traballo; somos o grupo de goberno e debemos facer as cousas ben e con responsabilidade. ‘Descubre Viveiro’ nada ten que ver coa páxina web de rutas creada polo BNG de Viveiro, con rutas sacadas de wikiloc e que, nalgúns casos, incluso pasan por sendeiros privados.

Nós traballamos con responsabilidade; a política municipal xa está inventada e trátase dun traballo de fondo. Nós estamos abertos a traballar con todos os grupos políticos, pero o que non vamos a permitir é que se engane, se manipule e se utilicen temas municipais con intereses políticos.

Lamentamos que a política do BNG en Viveiro sexa igual á que está realizando o Partido Popular, cuestión que nos estraña tendo en conta que o PSOE goberna co BNG nalgunhas institucións mantendo unha boa relación de traballo.

Considero que é unha forma de facer política que non beneficia aos veciños e veciñas de Viveiro.

María Loureiro García, alcaldesa do Concello de Viveiro

Exit mobile version