O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “por fin, despois de conseguir as autorizacións necesarias a través do contrato de comodato que asinamos cos seus propietarios, despois de ter os proxectos redactados e buscar o financiamento a través da Deputación para facer este aparcamento, que ten un custo duns 44.500 euros, no día de hoxe estamos dando comezo ás obras de acondicionamento de toda esta superficie para crear unhas 70 prazas de aparcamento no centro histórico da vila, xustamente nun dos puntos onde se fai moi necesario, tanto para os residentes que poidan vivir nese entorno como tamén para os visitantes que queiran achegarse a el”.
O rexedor explicou que “nesta execución de obras está contemplada a limpeza e o afirmado das parcelas, que teñen unha lixeira pendente, e tamén se vai retirar a terra vexetal. E a parte de superficie acondicionada vaise pavimentar só con zahorra para habilitar as prazas de aparcamento en tres filas e en tres corredores centrais”.
Suárez Barcia asegurou que “desde logo este aparcamento vai resolver moitas situacións de incomodidade e pretendemos telo canto antes; non nos atrevemos a predicir se vai ser dentro dun mes ou mes e medio, pero a principios do verán contamos que estea operativo”.