A Mariña, 21 de xuño de 2022. Cubertas todas as prazas das IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e da Deputación de Lugo para a súa promoción.
A primeira quenda tivo lugar a pasada fin de semana do 17 ao 19 de xullo. Os asistentes coñeceron o venres o traballo realizado polas redeiras de Cabo Burela, visitaron o barco museo Reina del Carmen e tamén a empresa Conservas Faro Burela. O sábado a protagonista foi a Ruta dos Artesáns de Mondoñedo, con visita ao talle de monicreques de Ton Arenas, ao barrio dos Muíños, ao alfar Esquina Atlántica e ao casco histórico de Mondoñedo. E o domingo en Viveiro coñeceron as instalacións de Regal Cerámica e percorreron o paseo fluvial Alcalde Cerdeiras e visitaron a exposición permanente nos Claustros de San Francisco e casco histórico da cidade do Landro.
As IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía seguirán do 23 ao 26 de xuño en San Cibrao, Foz, Ribadeo, A Pontenova e Riotorto.
Co obxectivo de promocionar esta iniciativa nesta edición a Mancomunidade de Concellos da Mariña pon en marcha un sorteo entre as persoas que participen como mínimo en 2 das xornadas – visita ao obradoiro artesán máis actividades -. O sorteo consistirá en 4 premios clasificados en 2 categorías diferentes: 2 premios de experiencias turísticas do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 300 euros cada un e 2 premios de 1 noite para 2 persoas (aloxamento máis almorzo) nun establecemento do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 150 euros cada un.