O alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que “ao longo dos anos vimos dándonos conta de que Lourenzá necesitaba un local multiusos onde poder realizar moitas das actividades que tiñan lugar no municipio. Actualmente contamos cun Salón de Actos non moi grande e dotado de butacas, o que dificulta poder realizar nel moitos dos eventos que teñen lugar no concello. A creación dun local multiusos onde poder desenvolver moitos dos eventos que se veñen realizando (Gala do Teatro, conferencias, Comida da Terceira Idade, Mercado de Nadal, eventos das Escolas Deportivas, …) foi sempre para nós unha prioridade; e máis agora onde as circunstancias do Covid requiriron do uso de espazos máis grandes”.
A rexedora municipal engade que “recentemente tamén se conseguiu dentro do programa de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais, cofinanciados polo FEADER e a Consellería de Medio Rural, unha axuda de 47.700 euros que nos permitiu acometer a substitución da cuberta existente de fibrocemento dunha das naves por outra cuberta nova de panel de sándwich. Decidiuse por tanto completar esa actuación e seguir mellorando esa nave do recinto feiral de cara á creación dun local multiusos; e foi por iso que dispuxemos de fondos do remanente de tesourería para poder facelo posible”.
Rocío López especifica que “a nave obxecto da actuación ten unha superficie de 1.928 metros cadrados e a intervención levouse a cabo nun terzo da mesma, quedando así a nave dividida en dúas partes. A zona sobre a que se actuou ten unha superficie de 635 metros cadrados construídos. As obras constaron das seguintes partes: división interior da nave actual en dúas para adecuar o espazo a climatizar; mellora da envolvente térmica das fachadas e substitución das carpinterías existentes (ventás e portas); acondicionamento do chan cun pavimento laminado con acabado similar á tarima flotante; instalación eléctrica e de iluminación novas; e instalación dun sistema de climatización da nave e dun sistema de son no local multiusos resultante”.
A alcaldesa remata comentando que “actualmente as obras están case concluídas e agardamos poder inaugurar en breve o recinto para disfrute de tódolos veciñ@s do municipio. Culminamos así unha actuación moi necesaria na nosa vila, que dará cobertura e permitirá albergar moitas das actividades que se desenvolven no municipio”.