Site icon Crónica3.com A Mariña

Coa presentación dun mural e a lectura dun manifesto remataron en Ribadeo os actos organizados para conmemorar o Día do Orgullo

Ribadeo, 29 de xuño de 2022. Onte presentouse o mural LGTBIQA+, realizado polo Colectivo Artístico As Vacas Fracas en Ribadeo, no acto celebrado en conmemoración do Día do Orgullo 2022. Tamén se deu lectura a un manifesto no que se ratificou o compromiso do Concello de Ribadeo coa igualdade e contra as discriminacións por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

A directora do CIM, Montserrat González, contou que “o manifesto rematou sinalando que dende o Concello de Ribadeo queremos fomentar ou respectar a tolerancia á diversidade; condenar enerxicamente a discriminación flagrante contra as persoas LGTBI e os seus dereitos fundamentais, incluída a incitación ao odio, mostrar o noso apoio ao colectivo LGBTI; e promover campañas de sensibilización e información sobre a diversidade sexual, de xénero e familiar”.

González engadiu que “desde o Colectivo Artístico As Vacas Fracas explicáronnos que a obra realizada en Ribadeo basease na importancia de dar presenza e lograr espazos a través do arte xerando referentes para as novas xeracións do colectivo. A man de arriba sería o referente, que tira de súa seguidora, permítelle non sentirse soa e ter alguén con quen identificarse e a quen aspirar. O seu parecido vese nas súas tatuaxes, que comparten certos puntos pero outros non, porque obviamente son dúas persoas distintas coas súas peculiaridades. A de arriba ten máis tatuaxes para facer ver que é a man de alguén con máis experiencia fronte á de alguén aínda por medrar. Iso vese tamén nas plantas da man inferior que medran grazas á luz da referente”.

Coa presentación do mural remataron as actividades que se viñeron desenvolvendo en Ribadeo desde o pasado sábado, organizadas polo CIM e pola Concellaría de Igualdade. Houbo obradoiros de graffiti e de técnicas mixtas, obradoiros infantís, ciclo de cine e a pintura do mural por parte de As Vacas Fracas.

Exit mobile version