Participaron máis dun cento de nenos e nenas entre as modalidades de patinaxe artística, voleibol, ximnasia rítimica e multideporte
Cervo, 7 de xuño de 2022. O Concello de Cervo despideu este luns unha “tempada de récord” das Escolas Deportivas Muncipais que contaron coa participación de máis dun cento de nenos e nenas nas modalidades de voleibol, patinaxe artística, ximnasia rítmica e multideporte.
Para clausurar a tempada, o Concello de Cervo, a través da delegación de Deportes, organizou unha serie de eventos e actividades, para que os pequenos/as amosasen as habilidades adquiridas nestes meses.
Así, tivo lugar a clásica exhibición de patinaxe na que participaron unha vintena de mozas que amosaron no pavillón do CEIP de Cervo a súa destreza sobre os patíns; e tamén se programou o VI Torneo de Volei Concello de Cervo no que competiron o EDM Cervo, o A.D. Xiria Volei de Carballo e o Narón Volea, nas categorías alevín, cadete, xuvenil e sénior.
Este luns, desde as 16:30 horas, tivo lugar unha xornada de portas abertas de ximnasia rítmica no Pavillón da Veiga na que tamén participaron os/as pequenos/as que asistiron a multideporte. A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, foi a encargada de entregar os diplomas, que ao mesmo tempo son un vale para recoller un agasallo que está xa dispoñible na Casa da Cultura.