O sindicato sinala que non se recuperaron todos os servizos que había antes da pandemia e critica a falta de investimento nas infraestruturas ferroviarias
A xuntanza forma parte dunha campaña transversal para chegar a acordos entre institucións, empresas, partidos políticos, sindicatos e outros axentes sociais. O obxectivo, trazar a mellor estratexia para dotar a Galicia dun plan de transporte ferroviario útil, seguro e sustentable. Por parte de CCOO participou na reunión o coordinador do sector Ferroviario, Gregorio Bermejo, acompañado dos secretarios xerais provinciais do dito sector.
No encontro, os sindicalistas salientaron a necesidade de chegar a un consenso transversal dos axentes sociais para crear en Galicia unha rede de proximidade que permita os desprazamentos baratos e frecuentes entre poboacións próximas e para responder as necesidades da poboación galega.
CCOO propuxo emprender unha experiencia de rede de proximidade entre Viana do Castelo e Vigo que sirva de motor de arranque para a organización en Galicia dun modelo de proximidade eficaz. Un proxecto singular que se coordinaría cos puntos nodais para a alta velocidade, longa distancia e media distancia deste lado da fronteira e cos trens portugueses.
Tamén se tratou a situación da alta velocidade e a necesidade de potenciar o corredor Atlántico na súa dobre vertente: responder as necesidades do transporte de viaxeiros e mercadorías, ademais das conexións con Madrid, Barcelona ou Lisboa.
Servizos previos á pandemia
CCOO tamén denunciou que en Galicia aínda non se recuperaron todos os servizos que había antes da pandemia. Nalgúns casos, por riba, empeoraron. É o caso de Vigo-Ourense polo corredor do Miño, Ourense-O Carballiño, Ponferrada-Monforte-Ourense, A Coruña-Lugo-Monforte e A Coruña-Ferrol. «Temos a impresión de que a Renfe non lle interesan, isto supón un paso máis no desmantelamento progresivo do transporte ferroviario de viaxeiros nas liñas convencionais», apunta Bermejo.
En materia de infraestruturas, ademais das obras que están en marcha para a modernización entre Ourense e Lugo, CCOO reclama investimentos no resto da rede convencional, destacando o corredor do Miño entre Ourense e Vigo, a liña A Coruña-Ferrol, o tramo entre A Coruña e Lugo, a liña convencional entre Ourense e Santiago, e a liña entre Monforte e Ponferrada.