Os populares din que chegan tarde e mal, carecen de investimentos significativos e non inclúen previsións para apoiar as empresas
Os populares indican que “nun alarde de imaxinación, creatividade e propaganda política queren chamarlles os orzamentos da recuperación, cando os van aprobar no mes de xuño e van ter, como moito, vixencia de cinco meses, a non ser que que pretenda prorrogalos outros seis meses”.
Castiñeira di: “O Partido Popular, analizados os orzamentos, ve que son de todo menos de recuperación. Primeiro, porque hai cero euros para promocionar e axudar ás empresas a recuperarse. Segundo, porque sube a recadación no IBI e do lixo e non sabemos cales son os motivos, aínda que así o preguntamos nas comisións”.
Os investimentos, a pesar de que o orzamento xeral sube case 500.000 euros con respecto ao 2021, seguen sendo mínimos, non chegan, segundo explica Castiñeira, aos 500.000 euros. “Son absolutamente insuficientes e dende logo non xustifican que se lles denomine orzamentos da recuperación”, asegura o portavoz popular.
No PP destacan que “este ano duplican os cartos para as festas, o que chama a atención, especialmente porque cando o PSOE estaba na oposición negábase totalmente a que subiran as partidas de festas; suben tamén as partidas de gasto corrente”.
Curiosamente, partidas que deberan subir, dado que hai un gasto a maiores derivado ao incremento dos prezos dos combustibles, da enerxía, nalgunhas áreas son incluso menos que o ano pasado. Os populares sospeitan que nalgún caso non se ten en consideración a variable máis importante que hai que ter en conta nestes orzamentos, que é a inflación.
Castiñeira fai o seguinte resumo: “Son uns orzamentos que chegan mal, sen consensuar (dubidamos incluso que os teñan consensuados cos seus socios de goberno, co BNG). Suben a partida de propaganda para intentar seguir facendo o que veñen facendo: propaganda. E agora que chegan as eleccións duplícana, como así aparece nos orzamentos para este ano”.