Castiñeira sae ao paso das acusacións que lle fixo o alcalde e di: “Estou sempre a disposición do meu pobo e todo o que veña para Foz e sexa positivo ben vido sexa, pero poñendo por diante a legalidade e as formas correctas”
Castiñeira lamenta “que o alcalde intente ir ao honor persoal, cando a política é outra cousa”. Manifesta: “O que si lle dicimos ao alcalde é que, se vai contratar a Tragsa, que o faga de forma legal. Sabe perfectamente que existe unha sentenza na que o xulgado di que a Deputación de Lugo non forma parte de Tragsa porque non se fixo ben o procedemento e ata que se faga ben a Deputación non ten parte en Tragsa e os concellos non poden facer uso dela”.
O portavoz popular fai unha suxestión ao alcalde: “Nesa circunstancia, se Cajoto ten algo que recriminar, que llo recrimine ao goberno da Deputación de Lugo, que non fixo ben as cousas. En todo caso, se quere contratar a obra do aparcadoiro, coa que o PP está absolutamente de acordo, que o contrate a outro medio, pero que o faga de forma legal. A día de hoxe, e non o di o PP, nin Javier Castiñeira, os concellos non poden contratar a Tragsa porque legalmente non é medio propio da Deputación”.
Castiñeira avisa: “Non lle permitimos que terxiverse a realidade e faga demagoxia buscando única e exclusivamente un discurso bonito. Entendo que algún palmero lle pode dar a razón; o resto da xente que viven en Foz coñece as formas de traballar de uns e doutros”. Engade: “Javier Castiñeira está sempre a disposición do seu pobo e todo o que veña para Foz e sexa positivo ben vido sexa, pero poñendo por diante a legalidade e as formas correctas e non as chambonadas como pretende facer o equipo de goberno contratando a Tragsa cando un xulgado non o permite”.