Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Os viadutos do palco do Bernabeu”, por Xoán Antón Pérez Lema

Xa dixemos moitas veces nesta coluna que un dos elementos dominantes do deep state que manexa as decisións fundamentais no Estado español é o lobby construtor-concesional radicado en Madrid, que foi quen de i) priorizar as grandes obras radiais de infraestrutura das autovías e alta velocidade sobre esquemas alternativos doutros eixos viarios (atlántico, cantábrico ou mediterráneo) e sobre os investimentos en novas tecnoloxías da comunicación e I+d+i empresarial e ii) asumir os mellores contratos de concesión de servizos públicos. Todo ilo no prexuizo das empresas construtoras e concesionais galegas e doutros territorios do Estado. Para os efectos que hoxe nos cumpren foron as grandes construtoras madrileñas (nomeadamente a FCC entón das Koplowitz, ACS de Florentino Pérez e OHL de Villar Mir) as que monopolizaron as adxudicacións das obras da autovía A-6 de acceso á Galicia dende a Meseta castelá nos anos 90 dos século pasado.

O viaducto d’O Castro na A-6 foi construído por unha UTE empresarial con maioría de dous terzos de FCC e recibido polo Ministerio de Fomento no 2002. No verán de 2021 foron detectados problemas de construción que non coñecemos aqueladamente polo escurantismo do Goberno do Estado, ficando curtada a A-6, que houbo ser substituída por unha estrada N-VI que non da feito para garantir os tránsitos. E os días 7 e 16 neste mes de xuño de 2022 caeron cadanseus vanos do viaduto, sendo real a ameaza de derrubo dun terceiro.

A influencia deste lobby proxéctase sobre a lexislación vixente entón e arestora. As dúas só fan responsábel á construtora dos danos na estrutura por defectos agachados manifestados nos primeiros quince anos dende a data de recepción de cadansúa infraestrutura, polo que, agás circunstancias excepcionais, o Estado non poderá obter indemnización da construtora nin tampouco da enxeñaría autora do proxecto (que só resposta por danos manifestados nos dez anos posteriores á data de recepción). Semella que ten razón Ana Pontón (BNG) cando di que esta obra se rematou hai 20 anos e non 200. Non teñen sentido no 2022 prazos tan curtos para a esixibilidade de defectos de execución ou de proxecto na obra pública.

Mais o rechamante de toda esta trapallada Marca España é o absoluto escurantismo do Ministerio de Fomento sobre as causas e responsabilidade na ruína dunha obra pública fulcral para o tránsito de mercadorías. Como xa pasou coa catástrofe do Alvia no 2013, PP e PSOE, o bipartidismo dinástico, colaboran conscientemente para garantir a impunidade das grandes empresas construtoras, concesionais, de distribución eléctrica e bancarias que teñen a süa sede na capital do Estado cando incumpren as súas obrigas legais e contractuais.

Exit mobile version