Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Enerxía, alimentos e loxística”, por Xoán Antón Pérez Lema

A grande suba do custo da enerxía e combustíbeis e máis a incapacidade da oferta industrial para satisfacer a demanda post covid-19 obriga á planificación pública a un grande esforzo cara a reindustrialización e reagrarización europea. Os dados amosan unha ruptura das cadeas globais de subministración e a necesidade de que éstas sexan máis curtas e máis resilientes, o que de seguro se vai traducir nun incremento sostido dos custos.Velaí a necesidade de que o noso País, Galicia, mellore a súa autonomía enerxética, alimentaria e loxística para se adaptar nas mellores circunstancias á fonda remuda da economía internacional que comezamos albiscar.

As enerxías renovábeis achegan case o 90% das necesidads enerxéticas de Galicia, que exporta máis dun terzo da súa produción enerxética global sen obter ningunha contraprestación. Os case sete millóns de madrileños non producen enerxía e viven da que nos e algún outro territorio producimos. O sistema eléctrico español baséase no caro e ineficiente transporte. Neste contexto, os esforzos do Goberno, forzas políticas e sociedade civil galega haberían orientarse á políticas globais de descentralización do consumo e achegamento do consumo á produción, ao tempo que esixir un pacto de Estado que lle garanta a Galicia retornos axeitados ao seu esforzo económico e ambiental de producir enerxía.

Da autonomía alimentaria estamos moi lonxe. Como nos aprende o economista galego Marcelino Fdz. Mallo, só destinamos o 3,9% da nosa superficie á produción de alimentos fronte ao 25,6% estatal. Adicamos un 23,5% á produción animal (prados, mpastos e forraxe) e case o 40% a eucalipto e matogueira. Mais, agás supostos territoriais localizados ou casos evidentes de mala xestión, seguimos dispondo de auga abonda, polo menos comparativamente con outros países. É urxente, pois, un pacto de País para deseucaliptizar esas superficies substraídas aos usos agrarios, para desenvolver políticas de reagrarización que incrementen substancialmente a nsoa produción de cereais, froitas, verduras, legumes, vides e oliveiras. O que lle vai dar pulo, como explica Fdz. Mallo, a un substancial incremento das industrias agroalimentarias.

E tamén é evidente a necesidade de orientar as nosas estruturas portuarias, ferrroviarias e de refino petroleiro e regasificación para o beneficio das empresas galegas, no canto de server aos intereses das grandes empresas españolas.

Estes tres reptos esixen amplos acordos de País para definir potentes e sostidas políticas de noso e moito máis autogoberno. Precisamos máis soberanía para rachar a especialización postcolonial que as elítes españolas nos impoñen no prexuizo do noso propio desenvolvemento económico e do benestar da nosa cidadanía.

Exit mobile version