Dentro do programa de catas e degustacións dos produtos do mar “Galicia sabe a-mar” da Consellería do Mar da Xunta de Galicia destacan un ano máis a pescada do pincho de Burela e o bonito do norte de Burela.
Na tarde do xoves celebrouse a degustación gastronómica “Galicia sabe a-mar: pescada do pincho de Burela” a cargo da chef Criselda Iglesias, de Tapería Lecer de Cangas do Morrazo. A pescada do pincho cociñouse en dúas receitas: “Ensaladilla de Merluza D& Burela” e “Merluza D& Burela con escuma de pataca de Galicia e aliño de froitos secos”. Na cata estas receitas estaban acompañadas de viños da D.O. Ribeiro.
Salimat constitúe o mellor espazo para promocionar os produtos artesáns, gourmet, ecolóxicos e innovadores, e por iso Burela participa un ano máis neste Salón Gastronómico.
Como xa é tradición, a promoción do “Peixe de Burela” continuará este domingo ás 12:00h, coa degustación “Galicia sabe a-mar: bonito do norte”, a cargo do chef José Manuel Mallón de Espazo Gastronómico Remollo de Ames, acompañado de viños da D.O. Ribeira Sacra.
Esta acción da Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.