Promocionarase neste días a Feira do Bonito que se celebra a primeira fin de semana de agosto, declarada Festa de Interese Turístico Nacional
Burela ten o seu espazo cun stand no que se dará promoción da vila, un privilexiado balcón ao Cantábrico que destaca pola importancia do seu porto a nivel socioeconómico, pola súa afamada gastronomía co bonito de Burela e a merluza do pincho, as súas paisaxes de mar e montaña, a xeoloxía que a converte nun lugar único a nivel patrimonial, o barco boniteiro “Reina del Carmen”, un auténtico museo sobre o mar, así como eventos destacados no calendario como as súas festas patronais coa tradición das alfombras florais temáticas ou a feira náutico-pesqueira de Expomar.
Ademais, a Feira do Bonito de Burela terá un lugar especial na promoción da vila, declarada Festa de Interese Turístico Nacional no ano 2019. Unha tradición lonxeva que cumpre máis de 30 anos despregando no peirao de Burela un evento gastronómico único na primeira fin de semana de agosto, maridado con degustacións e música tradicional. Unha verdadeira exaltación gastronómica para degustar o famoso túnido nas especialidades típicas, como a empanada, o cocido ou asado á grella.
En palabras do concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, “aproveitamos unha vez máis a oportunidade que brinda esta feira internacional de dar a coñecer todo o bo que ten Burela, que é moito, non só a nivel cultural, patrimonial e gastronómico, senón tamén para visibilizar valores que atravesan todas as nosas tradicións, como a pesca sostible, o respecto aos ecosistemas mariños e a aposta decidida por un mundo verde”.