A delegación de Turismo presentou as visitas guiadas que se realizarán este verán ao redor da actividade pesqueira
No acto de presentación realizado no Barco Museo Reina del Carmen, estiveron presentes o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, a edil do Mar, Carmela López, e o xerente de ABSA, Miguel Neira, acompañando a distintos guías que realizarán as visitas este verán desde as súas asociacións ou entidades, como Mª Jesús Alonso, guía, redeira e presidenta da Asociación de Redeiras Cabo Burela; Berónica Rodil, propietaria da conserveira artesanal “Faro de Burela”; Lino Pernas, guía do barco museo; e Iria Pita, técnico de turismo do concello e guía das visitas á Igrexa da Vila do Medio. Na presentación das visitas, dous membros da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, Santiago e Gacha, fixeron unha demostración en directo sobre a forma na que se elaboraba o cebo antigamente con follas de millo. Ademais, asistiron convidados representantes da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Expomar e Gaia.
Desde o concello presentaron un completo programa de visitas co que se pretende asentar todo o traballo elaborado durante anos no eido turístico, implementando algunha novidade para este verán. Ás visitas á igrexa da Vila do Medio, con interesantes frescos góticos do século XV, á nave de redeiras, ás xeorutas, ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, e ás visitas á Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, que xa se viñan ofertando nestes últimos anos, sumaráselles a ruta do peixe, que se recuperará despois duns anos de paréntese por mor da pandemia, e a unha conserveira artesanal, permitindo ás persoas visitantes sumerxirse na cultura burelá mariñeira.
Fernández Rey presentou este programa como un “aliciente turístico moi potente que nace da colaboración entre o concello, asociacións e iniciativa privada”, destacando “todos os recursos naturais, paisaxísticos, patrimoniais, xeolóxicos e ligados ao mar que temos en Burela e dos que temos que estar orgullosos”. Neste senso, preséntase neste verán “unha oportunidade irrenunciable de que persoas e grupos de fóra visiten o noso municipio e descubran todas as xoias que temos na nosa cultura mariñeira”.
Visitas guiadas
Desde o Concello de Burela promocionan unha serie de visitas para coñecer de preto os oficios tradicionais ligados ao mar e o funcionamento dun dos portos de referencia do Cantábrico, achegándose á memoria colectiva mariñeira a través da Moncloa, a Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, a nave da lonxa para asistir á poxa de pescado coa ruta do peixe, ao Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”, a nave de redeiras “Cabo Burela” así como as estancias dunha das conserveiras artesanais da vila.
Ademais, nun lugar como Burela declarado geosite, de importancia xeolóxica a nivel internacional, non podían faltar as xeorutas, tres percorridos guiados polo patrimonio xeolóxico, que se completan con visitas guiadas a unha igrexa con frescos do século XV, a Igrexa da Vila do Medio.
Información e reservas previas
– Visita guiada á poxa da lonxa (ruta do peixe): A partir do 4 de xullo. Xullo e Agosto. Horarios: luns: de 18:30-19:30; martes a xoves: 19:30-20:30, venres: 19:00-20:00. Prazas limitadas. Máximo 30 persoas. Gratuitas. http://rutadopeixe.burela.org (o prazo para inscribirse ábrese 3 días antes da data de visita).
– Visita guiada á nave de redeiras “Cabo Burela”. De luns a venres, ás 11:00h e 17:00h. Requírese cita previa. Teléfono: 630 75 79 10. Correo electrónico: caboburela@hotmail.com. Prazas limitadas.
– Visita guiada á Igrexa da Vila do Medio. Os xoves de xullo e agosto ás 10:30h. Requírese cita previa (ata o mércores anterior á visita). Teléfono: 982 888 506 (Oficina de Turismo). Prazas limitadas.
– Visita guiada ao Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”. De martes a domingo ás 11:00h, 12:00h, 13:00h, 17:00h, 18:00h e 19:00h. Requírese cita previa, excepto domingos. Teléfono: 982 888 506 (Oficina de Turismo). Prazas limitadas.
– Visita guiada á Asociación de Mariñeiros e Afíns. De Xoves e venres, de 16:00 a 18:00 horas. Sábados e domingos, de 10:00 a 12:00 horas. Teléfono: 665 013 838. Visitas de balde. Dirección: Rúa do Porto, 1, Burela (enfronte á Oficina de Información Turística). Prazas limitadas.
– Visita guiada a Conservas Faro Burela: Visitas guiadas de Martes a venres (ámbolos dous incluidos). 16:00h – 17:00h – 18:00h – 19:00h. Xullo e Agosto. Visita gratuita. Reserva Oficina de Turismo (982 888 506) ata o mesmo día ás 13:30h. Para grupos fóra dese horario concertar visita no teléfono 620234038. Prazas limitadas.
– Xeorutas. Inscricións no blog: https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/
O prazo para anotarse ábrese sete días antes da data de cada xeoruta. Prazas limitadas.
Horario Oficina de Turismo:
De martes a sábado de 10:30h a 13:30h e de 16:30h a 19:30h.