Site icon Crónica3.com A Mariña

“Biblioteca”, por Antonio Gregorio Montes

Si, teño libros na casa. Iso non quita para que non visite a biblioteca pública cunha certa asiduidade. Noutros momentos, á procura de títulos. Agora, máis ben á procura de datos, feitos, ideas… e si, tamén libros.

De visita a unha vila de novo, procuro incluír algunha biblioteca pública. O seu porte, o seu contido, o número de usuarios, a súa adicación á lectura, o xeito no que se observa silencio, entre outras moitas cousas, son non só datos a valorar para calibrar aspectos da cidadanía e a cidade, mais tamén, fonte de desfrute e enriquecemento coas peculiaridades observadas.

A biblioteca de Vilalba, da que a piques estiven de ser bibliotecario (esa é outra historia) marcou para min o acceso á diversidade lectora, enriquecendo as miñas posibilidades. Tamén marcou momentos da miña vida que moitos anos despois rememoro con agrado.

A antiga biblioteca santiaguesa dos Amigos do País marcou outras liñas de desenvolvemento nos curtos tempos que pasei por alí. Os fondos, maiores e máis variados, ou o vello edificio que lle daba acubillo deixáronme ás claras que se as bibliotecas tentan recoller mundos, tamén son mundos de por si.

E de aí, a gozar da non tan pequena biblioteca da Veiga, o paso á nova (polo edificio) de Tapia de Casariego, co botar de menos o ambiente da vella, as dispares bibliotecas provinciais de Lugo e a vella provincial de Ourense, as chamativas (ao menos para min) de Vilanova de Cerveira ou Aveiro, as grandes bibliotecas de cidades como Valencia ou Valladolid, ou as concibidas co que nalgún momento se podería chamar outra mentalidade como a de Bregenz, ou a do parisino centro Georges Pompidou, ou polo contrario, as pequenas bibliotecas en centros sociais ou antigos teleclubes das aldeas (algunhas, en completo abandono), todas elas, forman un ecosistema non só de cultura, senón tamén de humanidade.

Escribindo dende Ribadeo, un aparte meréceo a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho. Quizais non na que pasei máis tempo, pero si a que máis levamos aproveitado na familia. Por suposto, particular no seu edificio actual, e a que máis levo recomendado. Cando no seu 50 aniversario se editou un pequeno libro -sen depósito legal, sen ISBN- as colaboracións das súas páxinas, máis ca un descubrimento foron un redescubrimento de cousas que, nunha biblioteca como esta, intúense por transpiración, sen por iso dalas por sentado. Os artigos, de Santiago Sanjurjo a Eva Moreda, pasando polo moito máis extenso de Daniel Cortezón ou os realizados por outros lectores/escritores agradecidos, son para descubrir en directo. Por exemplo, na mesma biblioteca.

Bibliotecas. Un mundo que parece destinado a ser estrangulado polos medios dixitais e polo torniquete económico ó público. Non quero saber a cantidade de bibliotecas que, despois de ser abertas e mantidas con sacrificio por diversas entidades, teñen agora pechadas as súas portas. Os libros necesitan lugar, coidados, orde. E a atención ten un custe. De adicación, e de cartos. E, mentres nas casas pasouse de non haber libros a mercar enciclopedias para adorno, ou, máis recente, de non ler a ler de pasada nunha pantalla móbil, o repouso das ateigadas -de libros- bibliotecas é non tanto minusvalorado como esquecido, camiño da perda de consideración e a indiferenza da xente.

Unha biblioteca é das cousas que non se valora ben ata que non se ten. Mais despois, xa é tarde.

Exit mobile version