A rehabilitación deste lavadoiro enmárcase dentro dun proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial asociado a estes espazos
Barreiros, 1 de xuño de 2022. O Concello de Barreiros vén de recibir a comunicación da obtención de fondos, ao abeiro da subvención para mellora do impacto paisaxístico do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, para a rehabilitación do lavadoiro do Santiño, situado a carón da N634 en San Cosme, cun fácil acceso ao mesmo.
Dito lavadoiro ten a singularidade de contar cunha cuberta a catro augas que precisa de ser renovada completamente, ao estar os elementos estruturais nun avanzado estado de deterioro. Ademais, as actuacións contemplan a recuperación dos muros de pedra, a limpeza das pías, a recuperación da fonte e a drenaxe e adecuación do terreo, xa que a humidade existente no chan do lavadoiro fai inviable un uso hixiénico do mesmo.
O orzamento de ditas actuacións é de 16.742,76 €, para o que se obtivo unha axuda de 11.719,93 €; debendo asumir o Concello os algo máis de 5.000 euros de diferenza.
A alcaldesa explicou que dita actuación “non pretende ser algo puntual e illado, senón que se enmarca dentro dun proxecto que responde a intención do goberno municipal de recuperación do patrimonio etnográfico galego, tanto na súa vertente material, como inmaterial. E vén sumarse a outras pequenas melloras que, ou ben xa fomos facendo noutros lavadoiros, ou temos previsto levar a cabo; dentro da acción global de visualizar uns elementos patrimoniais que non só foron moi utilizados en tempos, senón que supuñan auténticos lugares de reunións sociais, especialmente das mulleres.”