Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros estrea nova web de turismo

O Concello de Barreiros abre unha nova xanela dixital para presentar os seus atractivos e oferta turística ao mundo

Barreiros, 29 de xuño, 2022. Dende hoxe aquelas persoas que queiran planificar a súa viaxe a este destino dispoñen dunha nova web de turismo, barreirosturismo.gal, que se presenta como un espazo onde coñecer as diferentes alternativas que Barreiros ten para ofrecer a veciños/as e visitantes. Dende os espazos naturais e os seus valores ambientais e xeolóxicos ata o seu diverso e rico patrimonio cultural pasando polas praias ou polas experiencias de ocio e servizos que aquí agardan aos viaxeiros/as.

Entre as novidades máis destacadas atópase o feito de que estará estruturada en tres idiomas: galego, español e inglés -aínda que polo momento se atopa en galego e español aos que se engadirá o inglés en datas próximas-; co fin de facilitarlle o acceso á información tamén ao público internacional nun mundo cada vez máis globalizado.

Outro dos aspectos que incorpora son os apartados adicados á oferta de aloxamentos, restaurantes e bares ou cafeterías. A través das correspondentes pestanas, os usuarios/as poden consultar non só os seus datos de contacto senon tamén facerse unha idea dos seus servizos e/ou instalacións ademais de poder acceder directamente ás súas páxinas web e ubicalos nun mapa interactivo.

A súa creación baseouse en tres eixos principais:

A mellora da imaxe turística a través dunha presentación atractiva visualmente, así como da incorporación de imaxes de calidade e da disposición da información enfocada en facer de Barreiros un lugar que apetece visitar.

A desestacionalización da demanda presentando un Barreiros con potencial para ser visitado durante todo o ano e cunha oferta aloxativa, gastronómica e de actividades de turismo activo de calidade e que aposta pola mellora contínua.

A desfocalización dos fluxos turísticos concentrados no litoral mediante a posta en valor do resto do patrimonio cultural e natural así como dos valores paisaxísticos.

A alcaldesa, Ana Ermida, recalca que “foi un traballo de moitos meses iniciado o ano pasado que non só consistiu na recopilación dos contidos e na elaboración dos textos nos tres idiomas senón tamén en cuestións previas como a creación dun banco de fotos, a actualización da marca turística de Barreiros ou a posta en valor que se vén realizando a través das redes sociais e da oficina de turismo”. Engade que, “paralelamente fóronse creando novos produtos turísticos xunto co seu material divulgativo, así como renovando e mellorando algunhas infraestruturas”.

Ademais, Ermida considera que, “dende logo, queda marxe de mellora e traballo por facer para seguir sacando á luz todo o potencial turístico de Barreiros a través da promoción así como da creación de novos produtos para favorecer o incremento da estancia ou a desestacionalización; mais estamos mellor posicionados que hai pouco máis dun ano.” E engade que, “agardamos que este traballo redunde en novas oportunidades para Barreiros”.

Exit mobile version