Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro sobre a reactivación de Alcoa: “De nada vale que a Xunta cumpra se o goberno de Sánchez non o fai”

O deputado popular formulou onte unha pregunta parlamentaria ao novo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, interesándose polos compromisos do Goberno galego coa factoría de aluminio de San Cibrao

Cervo, 22 de xuño de 2022. O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, asegurou en relación coas iniciativas dirixidas á reactivación da produción de aluminio na fábrica de San Ciprián que “de nada vale que a Xunta cumpra, se o Goberno de Pedro Sánchez non o fai” Segundo o parlamentario mariñán “a volta á normalidade pasa porque cada administración, e tamén a empresa, cumpran cos seus compromisos” e, nese sendo, instou a cada parte a esforzarse por facer realidade as iniciativas de apoio que se comprometeron a impulsar.

“Hoxe podo dicir con satisfacción que, a Xunta está a facer os seus deberes, no ámbito das súas competencias. O compromiso do Goberno galego para colaborar na solución é firme e absoluto. Agora temos que ser tamén esixentes co Goberno central. Non hai un minuto que perder. E son moitos os cidadáns que están agardando avances. A fábrica de aluminio de San Ciprián é o principal motor económico e de emprego da Mariña e da provincia de Lugo. E as decisións dirixidas á reactivar a produción de aluminio deben ser unha prioridade”-explicou

Compromisos da Xunta
Balseiro fixo estas declaracións onte no transcurso dunha pregunta formulada na Comisión de Industria do Parlamento de Galicia. O deputado popular quixo, a través desta iniciativa de control á acción do Goberno galego, facer un seguimento e avaliar o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno galego para apoiar a viabilidade da factoría de aluminio de San Cibrao.

O encargado de dar resposta á iniciativa de Balseiro foi o novo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, quen ratificou que a Xunta vén de conceder unha axuda de preto dun millón de euros para a mellora da eficiencia enerxética e ampliación da rede de subministración de gas natural na factoría cervense e tamén que dará prioridade -grazas á nova lei de áreas empresarias, que se atopa en plena tramitación parlamentaria- á autorización dos parques eólicos que sexan capaces de ofrecer á empresa un prezo eléctrico estable no tempo e competitivo.

O Goberno de España con deberes pendentes
Pola súa banda Balseiro coincidiu co responsable da administración galega na importancia de que o Goberno de España faga o propio en tres ámbitos da súa estrita competencia: a aprobación dun marco enerxético estable (a través dun novo estatuto para as empresas electrointensivas, que sexa de verdade eficaz ou, incluso a través da aprobación dun PERTE, que permitiría a este tipo de empresas altamente dependentes da enerxía poidan beneficiarse de fondos europeos para adaptar o seu proceso produtivo a métodos máis eficientes desde o punto de vista das necesidades enerxéticas). Deputado popular e Xunta coinciden tamén en que o Goberno central debe copiar a acción da Xunta e tramitar con preferencia aqueles parques eólicos que son de competencia estatal.

Exit mobile version