Grazas ás xestións do Concello de Viveiro acometerase esta actuación, que terá un custe de preto de 50.000 euros, dos que a Deputación achega 44.242 euros, correspondendo o resto ao concello.
“Deste xeito e grazas á Deputación, o Concello de Viveiro realizará nas naves do centro as obras necesarias para eliminar os problemas de filtracións existentes”, explica a alcaldesa de Viveiro.
O proxecto contempla o acondicionamento do recinto exterior pechado co que conta este centro, que estará destinado ao lecer dos usuarios e usuarias de Apanane. As obras consistirán na ampliación da zona asfaltada, que permita a correcta circulación polo perímetro do edificio, e a creación dunha ampla zona verde para conseguir espazos agradables. Así mesmo, o proxecto inclúe a realización dunha drenaxe perimetral do edificio para evitar así as filtracións de auga no interior do inmoble.
O presidente da Deputación subliñou que con esta achega económica “a institución dá resposta a unha demanda da alcaldesa, quen mantén un compromiso absoluto con Aspanane polo gran traballo que realizan e o seu esforzo diario”. Unhas actuacións, explica o mandatario provincial, “que servirán para mellorar as infraestruturas desta entidade social, que desenvolve un labor primordial coas persoas con discapacidade intelectual da Mariña”.
“O noso compromiso coa directiva e xerencia de Aspanane é absoluto, polo gran traballo que realizan e o seu esforzo diario”, engade María Loureiro, que remata lembrando que “continuamos por suposto coas xestións para conseguir crear a residencia de Aspanane, ben sexa na segunda planta do centro ou noutra ubicación”.