Site icon Crónica3.com A Mariña

As IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía da Mancomunicade desenvolveranse as fins de semana do 17 ao 26 de xuño

A Mariña, 6 de xuño de 2022. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo para a súa promoción, organiza as IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que nesta edición desenvolveranse as fins de semana do 17 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño. Nesta ocasión, ademais, realizarase un sorteo entre as persoas que participen que consistirá en 4 premios de experiencias, aloxamento e almorzos nas empresas participantes no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia localizadas na Mariña Lucense.

Desde a Mancomunidade o seu presidente, Fran Cajoto, lembra que “se trata dunhas xornadas con actividades gratuítas que se organizan por cuarto ano consecutivo da man dos artesáns da comarca que conforman o proxecto das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense, polo que a Mancomunidade leva apostando dende hai anos. Na primeira edición destas xornadas no ano 2019 organizáranse en xuño co obxectivo de axudar a dinamizar este mes previo á tempada alta e desta vez, logo dos anos fortes da pandemia cando se centraron no outono, retómanse esas datas co mesmo obxectivo: ampliar a tempada turística”.

As xornadas deste 2022 chegan con novidades: “ademais nesta edición contamos con dúas novidades. Unha nova xornada e ruta que discorrerá por Ribadeo ao entrar a participar no proxecto o Atelier Raíces Nómadas, onde Ezequiel Franchi elabora artesanalmente artigos de marroquinería fina e que a partir de agora estará dispoñible para recibir visitas no seu obradoiro. Así pasamos de 6 a 7 Rutas de Artesanía que discorren pola comarca. E, por outro lado, co obxectivo de promocionar esta iniciativa ponse en marcha un sorteo entre as persoas que participen como mínimo en 2 das xornadas – visita ao obradoiro artesán máis actividades – e qué mellor que facelo da man doutro proxecto promovido pola Mancomunidade, o Turismo Slow Norte de Galicia. O sorteo consistirá en 4 premios clasificados en 2 categorías diferentes: 2 premios de experiencias turísticas do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 300 euros cada un e 2 premios de 1 noite para 2 persoas (aloxamento máis almorzo) nun establecemento do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 150 euros cada un”, segue a relatar Fran Cajoto.

A axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, subliña que “as IV Xornadas de Portas Abertas, coma nas anteriores edicións, estarán dedicadas ao público en xeral, pero tamén ao sector turístico e educativo. Discorrerán por parte dos 7 itinerarios turísticos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense e inauguraranse o 17 de xuño en Burela coa visita ás Redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, antiga embarcación que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. Este ano, e co obxectivo de coñecer máis sobre o proceso da pesca e transformación do bonito tamén se visitará a Berónica Rodil, de Conservas Faro Burela. As Xornadas de Portas Abertas continuarán durante os días 18 e 19, 23, 24, 25 e 26 de xuño en Mondoñedo, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo e entre Riotorto e A Pontenova”.

Tania Hermida engade que “o 18 de xuño será a quenda de Mondoñedo e do barrio artesán por excelencia, o dos Muíños, con visita este ano aos monicreques de Ton Arenas, ao alfar con Esquina Atlántica e paseo guiado polo centro histórico da cidade da man da Guía Oficial de Galicia Claudia del Pino. O domingo a iniciativa chegará a Viveiro coa visita ao ceramista Otero Regal, un paseo polo paseo fluvial Alcalde Cerdeiras, visita guiada ao casco histórico e á Exposición Permanente Antesala dun Museo. O 23 de xuño a iniciativa seguirá en San Cibrao coa visita ao estaleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, á Península da Paz e ao Museo Provincial do Mar. O día en Foz será a quenda do artista plástico Daniel Caxigueiro e o seu espectacular xardín botánico e visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo. Foz pasará a testemuña a Ribadeo o 25 coa visita a Ezequiel Franchi, a Rinlo cunha anfitrioa moi especial, Vitoria, percebeira da localidade e a audioguía ficcionada Ribadeo alén do tempo coa que os asistentes realizarán un paseo polo casco histórico. As xornadas rematarán o 26 de xuño, domingo, entre Riotorto e A Pontenova, coa visita ao ferreiro Manuel Alonso Fojaca (MAF) e a realización do tramo intermedio da Ruta do Ferrocarril e 7 quilómetros de percorrido”.

A coordinación das xornadas e visitas correrán a cargo de Noela Feal, que é Guía Oficial de Galicia e artesá. As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e as actividades complementarias. Para participar é preciso reservar, xa que as prazas son limitadas, en https://amarinalucense.gal/es/rutas-artesania onde tamén se poden consultar as bases do sorteo. Para calquera dúbida ou consulta as persoas interesadas poden dirixirse a turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608.

O presidente da Mancomunidade subliña que “as Rutas de Artesanía son itinerarios turísticos nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade, onde se sitúan e da súa contorna próxima. Así poden realizar as Rutas de Artesanía de forma autónoma guiándose pola recomendacións facilitadas na nosa web e na guía das Rutas de Artesanía, na que como cada ano estamos traballando para a súa actualización e que estará dispoñible cara finais deste 2022”.

Exit mobile version