Site icon Crónica3.com A Mariña

Arante recupera este domingo a Romaxe das Cruces, na que actuará Luar Na Lubre

Ribadeo, 1 de xuño de 2022. A Xunta de Galicia apoia un ano máis a Romaxe das Cruces, que se celebrará o vindeiro domingo no santuario de Nosa Señora das Virtudes na Ponte de Arante (Ribadeo). O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación dos actos desta festa, que estreou a distinción de interese turístico de Galicia na edición do 2019.

Arias felicitou á comisión organizadora por “retomar a festa logo de dous anos difíciles, e facelo coa firme determinación de atraer a máis visitantes para que poidan sumarse á tradición e achegarse á historia e ao patrimonio deste núcleo”.

Neste sentido, lembrou que a igrexa foi recentemente restaurada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, que destinou un investimento de 183.000 euros a corrixir a entrada de humidades e as patoloxías que este problema provocaba.

O delegado territorial sinalou que, no marco desta celebración, a Xunta patrocina o concerto de Luar na Lubre, a representación da batalla a cargo do Bruxo Queiman e Andrea Pousa -ambas actuacións a partir das 17,30 horas-, e a cartelería.

A Romaxe das Cruces serve para conmemorar a vitoria dos veciños das sete parroquias da contorna contra o exército de Napoleón no ano 1809; o momento máis vistoso é o ritual dos pendóns e das cruces.

Este ano a festa adiántase por primeira vez ao domingo, en lugar de celebrarse o luns de Pentecostés. A xornada comezará ás 12.00 horas coa bendición dos campos, a procesión, o bandeo do pendón e a reverencia das cruces. Entre outras actividades, haberá comida popular no campo da festa e verbena.

Pola súa banda o voceiro do Grupo Municipal Popular e deputado autonómico, Daniel Vega, agradece “profundamente” o traballo da asociación veciñal e a colaboración dos veciños da Ponte de Arante por conservar a tradición da Festa das Cruces, declarada Festa de Interese Turístico Galego, e que este ano se celebra o domingo 5 de xuño no barrio da Ponte.

Vega tamén recorda e agradece o traballo de Emilio Piñeiroa. “Hai que recoñecer ás persoas boas e xenerosas que loitaron por conservar as pinturas murais da capela da Ponte, únicas en Galicia pola súa temática mariñeira; e por dar publicidade a un elemento de gran riqueza patrimonial e cultural que está situado ao pé do Camiño Norte”.

“As reivindicacións dos veciños e o traballo de Emilio Piñeiroa fixeron posible que a Xunta investira 183.000 euros no arranxo do santuario para evitar que as humidades danaran as súas pinturas murais e que incluíron unha nova cuberta, a instalación de canalóns e unha nova iluminación”, explica o popular.

Vega agradece tamén “a El Farero, o responsable dun vídeo promocional do santuario e das súas pinturas murais, o seu traballo e o seu interese por promocionar o que é noso, de Ribadeo”.

Exit mobile version