Como veciño da Mariña, por razóns familiares e, sobre todo, razóns profesionais, non me é allea a importancia que a pesca ten na costa de Lugo e no conxunto da nosa comunidade. Durante tres lexislaturas servín como portavoz do mar do Grupo Parlamentario Popular -o maioritario da Cámara- despois defendín os seus intereses como delegado Territorial da Xunta en Lugo e, na actualidade, teño a gran honra de presidir a Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia.
Precisamente grazas a esta última condición puiden organizar -en resposta á súa invitación- un encontro de traballo cos representantes do sector pesqueiro comarcal, coas sociedades de armadores dos portos de Burela e de Celeiro, as organizacións de produtores pesqueiros e coas confrarías da zona. Nel participamos deputadas e deputados de todas as forzas políticas parlamentarias (PP, BNG e PSOE) co obxecto de coñecer de primeira man a situación do sector, recoller as súas propostas e, en definitiva, escoitar, ver e aprender, abertos ao que querían trasladarnos desde estes colectivos. A política útil require de proximidade e se queremos ser útiles a un sector tan importante como é o da pesca deben sentir o noso apoio os que traballan na captura, transformación e comercialización dos peixes e mariscos frescos.
A actividade foi especialmente proveitosa e positiva primeiro, pola súa duración, foron dúas xornadas intensas; pero tamén, porque ao estar representados deputados de todas as formacións políticas o encontro non tivo un carácter partidista e produciuse un debate heteroxéneo e enriquecedor.
Moitos xa estabamos convencidos diso pero o certo é que a pesca ten que afrontar retos nada sinxelos nos próximos meses. O relevo xeracional; o impacto da alza dos prezos dos combustibles e do transporte; adecuar a normativa á realidade do sector e non lexislar desde os despachos; un mariñeiro ten que dedicarse ao seu oficio, e non a encher papeleo e superar múltiples trámites burocráticos; os portos teñen que estar dotados de infraestruturas e servizos que sexan útiles para os profesionais; Europa ten que comprender que a xestión das cotas pesqueiras non pode facerse desde o ecoloxismo radical senón desde a realidade social e económica dos nosos pobos mariñeiros, en especial, cando no mar hai abundancia de recursos pesqueiros e non son aproveitados.
Polo ben de todos actuemos con sentido común. Coidemos, protexamos e permanezamos ao carón dos profesionais do noso mar. Paga a pena apostar pola Galicia azul.
Jose Manuel Balseiro
Presidente da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia