A través dun xogo de preguntas relacionadas co medio ambiente, o grupo de 3º de primaria realizou un obradoiro interactivo e dinámico sobre ecoloxismo
Burela, 13 de xuño de 2022.- A Aula Gaia do Concello de Burela continúa coas actividades destinadas aos escolares do municipio para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente en valores ecoloxistas e do coidado da natureza.
Nesta ocasión, estiveron na aula de 3º de primaria do Ceip Virxe do Carme co “Xogo do mundo limpo”, unha versión da coñecida e tradicional oca cun taboleiro xigante para comprobar os coñecementos do alumnado e fomentar os bos usos na reciclaxe e respecto ao medio.
Coas aspiracións postas en finalizar o xogo acadando a casilla do “mundo verde”, as nenas e nenos dividíronse en catro equipos separados por cores, superando mediante as “pegadas verdes” cada unha das preguntas que se realizaban, tales como respostar que tipo de residuos se botan ao colector amarelo ou onde se deben botar os panos de mesa de papel que se empregan á hora do xantar.
A acollida foi moi boa e os equipos centraron todos os seus esforzos en completar o xogo, aprendendo con esta modalidade da gamificación e dun xeito dinámico e interactivo moitas cuestións arredor do coidado ao medio ambiente.
As monitoras da aula Gaia afirmaron que “este xogo funciona moi ben co alumnado e nos permite reter a súa atención e traballar con eles en equipo para que entendan a importancia de coidar a natureza e facer un cambio nas rutinas perxudiciais co medio”.