Destacaron os valores de deportividade e compañeirismo en equipos con xogadores e xogadoras tan novos e deron forza e ánimo para continuar situando a Burela como un referente deportivo
Burela, 22 de xuño de 2022. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, recibiron no consistorio aos equipos do CB Burela que se alzaron co título provincial e galego nesta tempada 2022.
En concreto, o equipo preinfantil masculino, Frigomar Burela, proclamouse campión galego desta tempada tras impoñerse no pavillón municipal de Tui ao Basket Coruña.Pola súa banda, as xogadoras da Academia A Mariña Burela gañaron ao Viveiro no derbi mariñao, facéndose campioas provinciais en alevín feminino, un título provincial que o club sumou ao galardón da liga autonómica.
Finalizaron así unha “magnífica tempada na que Burela volve a ser referencia a nivel deportivo, tanto en categorías masculinas coma femininas”, subliñou o edil de Deportes, Ramiro Fernández, trasladando os parabéns aos dous equipos, á directiva e en xeral a todo o club, “así como aos adestradores e familias que fan posible que os nenos e nenas sentan paixón e motivación polo baloncesto”.
Alfredo Llano felicitou tamén ao CB Burela “por saber transmitir desde as categorías inferiores a importancia do deporte e de valores como o xogo en equipo, o esforzo e a deportividade, facendo que sintamos en Burela moito orgullo pola traxectoria do club e pola constancia e compromiso das xogadoras e xogadores que compiten en categorías inferiores e que, de seguro, terán un bo futuro e levarán o nome deste pobo alá a onde vaian”.
Nesta recepción aproveitaron para facerlles entrega dun cadro coas fotos do día da fase final na que se fixeron cos títulos de campións galegos e campioas provinciais.