Alfoz, 24 de xuño, 2022. Alfoz participa un ano máis en Atlántica Festival Internacional de narración oral os días 2 e 9 de xullo. É un 1 dos 24 municipios nos que terán lugar actuacións do festival, un dos máis importantes da Península Ibérica, que leva unha década reunindo a todo tipo de públicos diante dunha tradición galega e, ao mesmo tempo tan internacional, coma os contos.
As actuacións serán no exterior do Castelo de Castro de Ouro, ás 20:30h, con acceso libre, gratuito e dirixidas a público adulto.
O sábado 2 de xullo: Santi Prego e Jorge de Arcos presentan “O teatro máis pequeno do mundo”
Santi Prego é actor de teatro, cine e TV, titiriteiro e narrador oral a quen todos coñecemos polo seu traballo en series como Néboa, O sabor das margaridas, Rapa, etc. Comezou a contar a mediados dos anos ’90 en institutos e as súas historias xa pasaron por teatros, casas da cultura, bibliotecas e mesmo en programas da televisión como Apaga a lus e tamén na Radio Galega. Jorge de Arcos formou parte da compañía Matarile nos espectáculos Antes de la metralla (2017) e Daimon y la jodida lógica (2019). Gañador do campionato de improvisación teatral galego-portugués Fetega 2021.
“O teatro máis pequeno do mundo” onde o actor Santi Prego, acompañado nesta ocasión por Jorge de Arcos, presenta un repertorio que inclúe contos con participación e contos improvisados. O seu xeito de contar é moi visual. Nas súas historias sempre hai maxia e poesía e nunca falta un elemento de comicidade sutil.
O sábado 9 de xullo: Rilo & Penadique presentan “Lavandeiras”
No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para bebés, rapazada e público familiar. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
Presentáronse na escena galega co espectáculo-obradoiro para bebés e familias ARRE RU, e pouco despois afianzáronse como dúo coa proposta para público familiar O pozo das señoras. Pouco despois saíron de Galiza para explorar novos mundos.
Ata a data acumulan novos títulos: A formiga no carreiro, Barrococó, Derriba da lúa, Historias con susto para durmir a gusto…Recentemente deron o salto ao público adulto co espectáculo Arrolando as Frores e seguen xirando con Lavandeiras.
En “Lavandeiras”as mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e as historias sucédense por toda a nosa xeografía, tanto física como identitaria.
Recollemos parte dese patrimonio oral, dende as lavandeiras nocturnas enchoupadas en sangue até o traballo colectivo das lavandeiras de Redondela, na Illa de San Simón cando a guerra. Tamén contamos de Manuela Lores, e cantamos as fontes, os ríos. Poñemos os pés a remollo cada día…