O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, manifestou que “mañá venres damos por inauguradas oficialmente as rebaixas en Ribadeo, moitos comercios xa as adiantaron uns días, pero dende Acisa preferimos sempre comezalas na data tradicional. Durante xullo e agosto centos de negocios terán grandes descontos e múltiples artigos de tempada a prezos moi interesantes, polo que animamos á veciñanza e aos visitantes a aproveitar esta cita”.
Pérez Prada subliñou que “desde Acisa apoiamos os nosos negocios con materiais gratuítos, que xa foron repartidos, como cartelería anunciadora das rebaixas, tarxetas co antes e o despois da aplicación dos descontos correspondentes. E como novidade este ano quixemos imitar ás grandes superficies e poñer un fío musical os primeiros días de rebaixas que animen a cidadanía, veciños e visitantes, a mercar en Ribadeo”.
O xerente de Acisa dixo que “durante a primeira quincena de rebaixas, a través da nosa megafonía nas rúas, escoitarase unha selección musical, aproveitando que o Ribadeo Indiano nos levará un ano máis a Cuba. O fío musical escoitarase principalmente polas tardes, a partires das 18:30 horas ata as 21:00 horas aproximadamente, para dinamizar esas horas nas que a xente regresou da praia, sae tomar algo e pode animarse a mercar”.
Jesús Perez engadiu: “como sempre dicimos Ribadeo é o mellor centro comercial aberto, e queremos demostralo, dando os mesmos servizos que os grandes centros comercias das cidades”.
Esta campaña de rebaixas de Acisa Ribadeo conta coa colaboración da Xunta de Galicia.