Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición para participar na sétima edición do Mercadiño de Ultramar e no novo espazo gastronómico, que se desenvolverán dentro do Ribadeo Indiano

Ribadeo, 7 de xuño de 2022. O Concello ven de abrir o prazo de inscrición para participar na sétima edición do Mercadiño de Ultramar e no novo espazo gastronómico, que se desenvolverán dentro do Ribadeo Indiano.

O concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, sinalou que “un ano máis o Mercadiño de Ultramar terá lugar dentro da VII edición do Ribadeo Indiano, que este ano estará dedicado ás mulleres, tanto ás se foron como ás que quedaron. O Mercadiño de Ultramar desenvolvérase o sábado 9 de xullo e pretende traer unha recreación e mostra de produtos e mercancías de ultramar así como de oficios de época. Terá horario continuo dende ás 11:00 da mañá ata a finalización do Festival de Habaneras, que será aproximadamente sobre as dez da noite”.

As persoas que desexen participar poderán presentar a súa solicitude ata o día 22 de xuño.

O edil ribadense explicou que “poderán participar preferentemente as persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan algunha actividade relacionada coa cultura indiana ou da época (finais do S.XIX e principios do S.XX) tales como produtos da horta con especial incidencia nos produtos chegados das Américas: pataca, pemento, tomate, millo e outros relacionados, produtos latinos de alimentación, doces e pasteis típicos, xoguetes, xeados, chocolates, antigüidades, oficios, etc”.

Vizoso Galdo engadiu que “como novidade este ano, dentro do Ribadeo Indiano, haberá un espazo gastronómico con foodtrucks. Será os días 9 e 10 de xullo e estará localizado na contorna de Praza de Abastos co fin de ampliar as propostas gastronómicas do evento. O prazo de inscrición tamén está aberto ata o 22 de xuño”.

As bases e os formularios para a inscrición estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello de Ribadeo.

Exit mobile version