Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición nos campamentos de verán de Viveiro

Viveiro, 9 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro informa que o vindeiro luns, 13 de xuño, ábrese o prazo para inscribirse no Campamento Urbano de Verán 2022, que se desenvolverá dende o 4 de xullo ao 26 de agosto.

“Sabemos o importante que é para as familias poder conciliar na época estival, por iso desde o concello impulsamos esta iniciativa nos meses de verán, con máis prazas e un horario máis amplo que o ano pasado”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“É fundamental polo tanto promover as actividades lúdicas, culturais e deportivas para os máis pequenos, facilitando que os seus pais e nais poidan compatibilizar a vida laboral e familiar”, engade a alcaldesa.

As bases de selección e o modelo de solicitude estarán publicadas no taboleiro de anuncios dixital e na paxina web do concello. O prazo para a presentación de solicitudes remata o venres 17, sendo preferible facelo pola sede electrónica, aínda que tamén poderán presentarse presencialmente no Rexistro do Concello, onde se facilitarán os modelos de solicitude.

O campamento de verán está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2018, ambos incluídos, e realizarase no pavillón do CEP Lois Tobío, de luns a venres, en horario de 8,30 a 14,15, con entrada flexible ata as 10,00 e cunha ampliación de horario á saída para facilitar a conciliación laboral.

Ofértanse un total de 100 prazas co compromiso de garantir un espazo de lecer e favorecer a conciliación familiar nestes meses estivais, ampliando en 30 as prazas ofertadas respecto do ano pasado e ofrecendo a posibilidade de participar os 2 meses de duración do mesmo. Tamén se da maior flexibilidade ás familias, podendo participar por quincenas e non só o mes enteiro, como era habitual, ampliando, deste xeito, as opcións de participación.

Dende a Concellería de Educación, encargada da organización do mesmo, incídese a importancia da planificación das actividades para ofrecer actividades lúdicas e deportivas que fomenten valores de respecto á diversidade, igualdade, así como a concienciación medioambiental.

Exit mobile version