O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, informa no Parlamento de que a axuda concedida para San Cibrao permitirá mobilizar un investimento de preto de 3,5M€ na mellora e optimización do rendemento enerxético da planta
Ademais, as actuacións subvencionables tamén comprenden todo o proceso de alimentación ata eles, como a acometida ou canalización soterrada de gas natural para a súa conexión co gasoduto da Mariña, e unha nova estación de regulación e medida para facturación do consumo que garantirá unha maior seguridade de explotación.
Tal e como apuntou o director xeral, esta axuda encádrase nunha das liñas que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ten abertas para actuacións de eficiencia enerxética en pemes e grandes empresas do sector industrial e que conta, na actualidade, cun orzamento que ascende a 30,7 millóns de euros. En concreto, esta é unha das 61 axudas concedidas ata o momento, por un importe que suma 19,3 millóns de euros, mobilizando investimentos por máis de 71 millóns.
Entre as beneficiarias atópanse compañías emprazadas na provincia de Lugo como Financiera Maderera, De Heus Nutrición Animal ou Novafrigsa. O director xeral apuntou que estes apoios contribúen a aumentar a competitividade da actividade industrial, sinalando que unha industria forte é a mellor garantía dun emprego estable.
No marco do compromiso coa industria, Fernández Vila lembrou ademais que o Consello da Xunta, xa o 15 de outubro de 2020, declarou o sector electrointensivo esencial e estratéxico para a economía galega, co fin de considerar prioritarios e axilizar aqueles proxectos industriais de ampliación, modernización ou transformación que neste sector cumpran cos requisitos vinculados ao emprego, o investimento ou ao seu carácter tractor.
Apuntou tamén o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que a Xunta sempre ten estado do lado das reformas estruturais demandadas pola industria electrointensiva a prol dun Estatuto que atenda convenientemente a súa transición enerxética en lugar de poñer “parches” á situación que viven na actualidade.
Pablo Fernández Vila tamén lembrou a vontade da Xunta de dar prioridade na tramitación a aqueles proxectos que destinen, cando menos, un 50% da enerxía que produzan a unha industria asentada en Galicia, a través dunha emenda na Lei de áreas empresariais actualmente en tramitación no Parlamento.