Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta premia dous proxectos do CEIP de San Miguel de Reinante no marco do certame Cooperativismo no Ensino

O alumnado dos últimos ciclos de Educación Primaria recibiu os recoñecementos na modalidade de actividades artísticas

Barreiros, 16 de xuño de 2022. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade premiou dous proxectos do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de San Miguel de Reinante no marco do certame Cooperativismo no Ensino, que promove a través da Secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

O colexio mariñán recibiu hoxe no centro cultural Colexios Vellos da localidade o dobre recoñecemento polos traballos Cooperativa 3D, do alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, e Tecendo a cooperativa, de 5º e 6º de Primaria, ambos na modalidade de actividades artísticas. No primeiro caso deseñaron un logo en tres dimensións e no segundo servíronse de teas nas que bordaron palabras sobre os valores que inspiran o cooperativismo.

O Certame cooperativismo no ensino pretende difundir o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

O colexio de San Miguel de Reinante comparte os galardóns deste ano con outros cinco colexios e institutos de Galicia: o CEIP de Laredo, en Redondela; o CEIP de Abanqueiro, en Boiro; o CEIP de Domaio, en Moaña; o Centro de Educación Especial Aceesca no Porriño e o IES de Valadares, en Vigo.

Cooperativismo e igualdade
No marco deste certame, os alumnos e alumnas de San Miguel de Reinante disfrutaron hoxe no centro educativo do espectáculo A caixa sen pandora, de Teatro Ghazafelhos, protagonizada por Pepablo Patinho e Montse Piñón, un espectáculo que fala de mulleres universais en xeral e mulleres galegas en particular que, como grandes heroínas, decidiron romper coa norma establecida e abrir a súa propia caixa. As cooperativas posibilitaron a igualdade das mulleres nas empresas desde o século XIX e, desde entón, moitas atoparon nesta fórmula a garantía de ter voz e voto.

Exit mobile version