A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Arado, visitou hoxe a I Feira do Mercado Social da localidade da Mariña lucense, unha iniciativa coa que colabora a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
Ribadeo, 18 de xuño de 2022. A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, destacou hoxe en Ribadeo, na I Feira do Mercado Social, a importancia de continuar reforzando en Galicia a economía social por ser un modelo solidario, comprometido co emprego estable, a igualdade e o medio rural.
Trátase duns valores que precisamente promoveranse na feira de comercio e consumo que se celebra hoxe na localidade lucense e que conta co apoio da Xunta, a través da Rede Eusumo, creada pola Administración autonómica en 2012 como un instrumento no que colaboran axentes públicos e privados para informar, formar, asesorar e acompañar ás entidades de economía social. É, polo tanto, unha ferramenta colaborativa que cumpre dez anos neste 2022 e que se centra en impulsar iniciativas de economía social.
A través do asesoramento prestado por esta rede creáronse xa en Galicia máis de 190 entidades de economía social, que xeraron máis de 540 empregos directos. Desde a súa constitución, a Rede leva organizado 1.650 actividades formativas e informativas, ás que asistiron preto de 30.900 persoas. Asesorou, ademais, a 1.200 grupos promotores para o impulso de proxectos cooperativos, con máis de 3.000 persoas implicadas.
A Rede Eusumo, segundo Margarita Ardao, traballa na maduración de ideas e modelos de negocio de economía social, asesorando e acompañando aos promotores destes proxectos.
En palabras da directora xeral, a economía social é cada día unha realidade “máis potente” en Galicia. Só o pasado ano constituíronse na Comunidade 135 cooperativas novas co que o número destas entidades activas situouse nas 1.571. No mesmo período naceron 28 novas sociedades laborais ata acadar as 1.448. O sector representa xa o 7% do PIB galego, polo que, en palabras de Margarita Ardao, a Xunta segue a incidir na necesidade de dalo a coñecer entre os profesionais do mañá cunha aposta clara pola promoción, a creación de iniciativas e consolidación das existentes; que está a supor nos orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, unha inxección este 2022 de 35 millóns de euros.
A titular de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta, ademais de poñer en valor a Rede Eusumo e os valores que promove a economía social, sinalou que a Xunta, na actualidade, ten en activo o programa Aprol Economía Social ao que destina este ano 3,8 millóns de euros para beneficiar a 331 persoas; e nas próximas semanas está prevista a convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) das axudas dos bonos Consolida e Es-Transforma, con máis de 1,5 millóns de euros cada un, cos que se estima chegar a 200 persoas e crear 21 novas entidades.
Ademais, proximamente porase en marcha Es-Factory, un programa de aceleradoras de emprendemento que orientará e acompañará ás persoas promotoras de proxectos empresariais; e Es-Próxima, que definirá e consolidará un selo de identidade de economía social en Galicia a través de diferentes accións e co obxectivo de darlle unha maior visibilidade e difusión.