Mentres a Xunta segue sen aportar fondos, o Goberno de España xa pagou 25M€ ás ganderías de leite da provincia e ten en marcha o procedemento para conceder axudas aos produtores de carne
Lugo, 26 de xuño de 2022. A Xunta de Galicia aínda non aportou nin un só euro ao sector gandeiro para paliar o impacto da guerra en Ucraína. Así o pon de manifesto o PSdeG nunha moción que defenderá no Pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes, unha proposta na que demanda ao Goberno galego que convoque canto antes unha liña de axudas directas para as ganderías de carne (vacún, ovino, cabrún, avícola e cunícola), que sexa complementaria e da mesma cantidade que o investimento destinado xa polo Executivo do Estado para os produtores galegos.
Neste sentido, os socialistas subliñan que, mentres a Xunta segue sen aportar fondos, o Goberno de España xa pagou 25M€ ás ganderías de leite da provincia e ten en marcha o procedemento para conceder axudas aos produtores de carne, que contempla pagos de 60€/vaca nutriz, 12€/becerro, 5€/ovella e cabra, e cantidades variables en función da capacidade das granxas de polos e coellos. Unhas axudas que serán importantes para a provincia de Lugo, que conta co 44% das granxas de bovino para produción de carne de Galicia e co 30% das granxas de ovino caprino.
O PSdeG explica que a moción que levarán ao Pleno da Deputación vai na liña da iniciativa aprobada por unanimidade o pasado 17 de xuño no Parlamento de Galicia a instancia dos propios socialistas, para reclamarlle á Xunta unha liña de axudas ó sector agrogandeiro con fondos propios. “Deste xeito, a Cámara galega instaba á Xunta a sumarse ás medidas excepcionais adoptadas pola Unión Europea e o Goberno do Estado para axudar ó sector a paliar os efectos da crise derivada da pandemia e da guerra de Ucraína”, subliñan os socialistas.
O partido lembra que o pasado mes de marzo, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamáballe ao Goberno que aportase en axudas directas a mesma cantidade que aportaba a UE, uns 65 millóns de euros. Dende aquel momento, ademais das medidas xerais de bonificación dos carburantes, o Goberno de España aprobou un paquete de axudas para o sector duns 360 millóns de euros, 169 deles de xeito específico para o sector lácteo. Polo que respecta ó resto dos sectores agrogandeiros, o Goberno duplica a axuda europea de 65 millóns de euros, aportando outros 128 ata chegar a un total de 193 millóns de euros.
Así as cousas, “mentres a Xunta aínda non ten achegado nin un só euro en axudas ó sector, o Goberno de Pedro Sánchez duplica a solicitude de fondos que lle pedira o expresidente Feijóo, e o pasado 30 de maio, 6.434 gandeiros e gandeiras galegos percibiron xa 55 millóns de euros das axudas ó sector leiteiro. Desa cantidade, 25 millóns corresponderon ás 2.835 explotacións de leite da provincia de Lugo”, subliñan os socialistas.
Por citar a modo de exemplo concellos beneficiarios da provincia con máis de un millón de euros das axudas do Estado ao sector lácteo, no concello de Sarria foron 1.355.430 euros; en Pol, 1.034.762 euros; na Pastoriza, 1.949.448 euros; en Guitiriz, 1.063.513 euros; en Chantada, 1.223.857 euros; en Cospeito, 1.240.147 euros; en Castro de Rei, 1.780.544 euros; e en Lugo capital, 1.251.294 euros.