A intervención, que conta cun investimento de máis de 36.000 €, desenvólvese con medios propios de conservación de estradas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e está previsto que se remate hoxe mesmo
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022. A Xunta iniciou esta mañá as obras de rehabilitación do firme na estrada autonómica LU-141, no núcleo de Rinlo, no concello de Ribadeo.
Esta actuación, que conta cun investimento de máis de 36.000 euros, está a desenvolverse mediante medios propios de conservación de estradas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e está previsto que se remate hoxe mesmo.
As obras céntranse nun ámbito de actuación de 456 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+760 e 1+216, ao seu paso polo núcleo de Rinlo.
As obras consisten na rehabilitación de firme con aglomerado en todo o tramo. Así mesmo, procederase á sinalización horizontal de toda a estrada, entre os puntos 0 e 1+216.
Durante a execución destas obras, no día de hoxe, permanecerán habilitados carrís alternativos de circulación coa correspondente sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, pon en valor “a planificación” á hora de levar a cabo as obras de mellora de rehabilitación do firme da estrada dende a nacional ao centro de Rinlo, a LU-141, nas que a Xunta inviste preto de 40.000 euros.
“Os traballos xa se iniciaron cunha limpeza previa do firme, rehabilitouse toda a carretera con mestura asfáltica en quente e agora queda pintar e sinalizar a vía para completar a actuación que supón unha mellora na seguridade para os vehículos e peóns”, explica.
Vega asegura que “o traballo conxunto deu os seus froitos. Despois de bastantes reunións do Grupo Municipal Popular coa asociación de veciños, a Xunta concretou orzamento e planificou a obra para realizala antes dos meses de verán”; xa que “non sería conveniente executala neses meses nun pobo turístico como é Rinlo, que estaría abarrotado de xente. A planificación foi moi importante”, remarca.
O popular considera importante “resolver os problemas que nos trasladan os veciños con propostas concretas”. Polo tanto, “o Grupo Municipal Popular seguirá nesta liña: escoitando as propostas dos veciños e traballando para conseguir investimento para Ribadeo e as súas parroquias”.