O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego inviste 31.600 euros para reforzar a seguridade viaria en dous treitos da LU-153 e a LU-122
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que a intervención ten un orzamento de 31.600 euros para actuar entre os puntos quilométricos 00+000 e 00+200 da LU-153 (Lourenzá-Masma) e entre o 32+700 e o 32+900 da LU-122 (Paraxes-Lourenzá).
As obras consisten na rehabilitación do firme con formigón bituminoso en todo o treito no caso da LU-153; e na LU-122 mellorarase a marxe dereita. Tamén se reporán as marcas viarias nas zonas afectadas.
Durante a execución destas obras permanecen habilitados carrís alternativos de circulación coa correspondente sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico.
Arias destacou que a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), executa estes traballos co obxectivo de reforzar a seguridade viaria en zonas nas que conflúe o tráfico rodado co tránsito peonil.