Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta dá o primeiro paso cara á rehabilitación dos 13 edificios adquiridos en Mondoñedo ao abeiro do Programa Rexurbe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, visitou a área Rexurbe do concello

Mondoñedo, 21 de xuño de 2022. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que Mondoñedo é o exemplo a seguir na aposta pola rehabilitación de vivendas para alugueiro social tras dar o primeiro paso cara á recuperación dos 13 inmobles adquiridos pola Xunta ao abeiro do Programa Rexurbe.

Logo de incidir en que “Mondoñedo é o concello máis dinámico dos plans Rexurbe”, a conselleira explicou que vén de adxudicarse nos últimos días, por un importe de preto de 360.000 euros, a redacción dos proxectos de rehabilitación e dirección de obra dos 13 edificios que xa son propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

De feito, segundo avanzou Ángeles Vázquez “a rehabilitación destes 13 inmobles suporá un esforzo importante por parte da Xunta de Galicia achegándonos aos 5 millóns de euros”.

A maiores, IGVS e Concello analizan a posibilidade de utilizar un dos edificios adquiridos como residencia creativa co fin de dar aloxamento a artistas que desenvolvan o seu labor en Mondoñedo. Tamén se estuda destinar outro inmoble para vivendas ou aloxamento cohousing, dentro da estratexia do Goberno galego para impulsar un novo modelo de coidados que garantirán a autonomía de vida das persoas, que seguirán vivindo dentro da súa contorna, pero con seguridade, benestar e seguimento profesional.

A Xunta puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe. Na actualidade, xa ten comprometidos máis de 31,5 M€ na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos, cos que prevé obter preto de 150 vivendas de promoción pública.

Por outra banda, xa existen 6 áreas Rexurbe —figura creada coa Lei de rehabilitación de 2019— declaradas en Galicia: Mondoñedo (febreiro de 2020), A Coruña (maio de 2020), Ribadavia (xullo de 2020), Tui (xullo de 2021), Ribadeo (decembro de 2021) e Ferrol (xaneiro de 2022).

Exit mobile version