Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta coñece as iniciativas no programa Pasaporte Solidario do CEIP de Riotorto

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá este centro e mantivo un encontro co seu alumnado

Riotorto, 21 de xuño de 2022. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu esta mañá as iniciativas solidarias realizadas polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Riotorto no marco do programa Pasaporte Solidario da Xunta de Galicia. Alí destacou a importancia desta iniciativa para trasladarlle aos máis novos valores e para realizar actividades que fomenten o seu espírito solidario.

No programa, que se enmarca dentro do Plan Proxecta+, participou todo o alumnado de primeiro a sexto de Primaria. As sete actividades incluíron unha visita de membros do parque eólico experimental Sotavento, a recollida de produtos para Ucraína, a gravación de música en lingua de signos, unha carta aos nenos da Palma que quedaron sen colexio ou unha cadea conxunta de todas as súas boas accións polo Día da Paz. Os rapaces recollían cada unha destas actividades nunha folla do seu pasaporte solidario.

Durante o encontro, Cristina Pichel agradeceu aos nenos o seu esforzo solidario e o traballo de profesores e equipo directivo promovendo este tipo de actividades. Así, destacou que programas como Pasaporte Solidario axudan a reforzar os valores cidadáns entre os nenos ao tempo que favorecen a súa constancia e autoestima, xa que levan eles mesmos a conta das actividades que realizan.

Exit mobile version