O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego colabora co Concello para instalar novos elementos destinados á práctica deste deporte no parque Raíña Sofía
Cervo, 20 de xuño de 2022. A Xunta de Galicia achega 36.300 euros para a mellora e ampliación da pista de skate de San Cibrao, en Cervo, a través da convocatoria de axudas a concellos para mellorar infraestruturas de uso público.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, visitaron hoxe as obras, cuxo orzamento total ronda os 51.800 euros.
A actuación permitirá sumar novos elementos para a práctica de skate no parque Raíña Sofía, que recibe a multitude de afeccionados a este deporte procedentes de toda a contorna. Así, está previsto instalar unha pista de patinaxe con obstáculos elevados e con formas tipo mini ramp que conecten coa pista actual. Constará de distintas áreas orientadas tanto a principiantes como a usuarios máis expertos.
Arias subliñou que grazas á colaboración entre as administracións autonómica e local será posible executar esta actuación que enriquecerá a oferta de instalacións deportivas e de lecer no municipio de Cervo.
Resaltou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes apoia a través desta orde de axudas as actuacións de mellora de infraestruturas de uso público nos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes. A convocatoria deste ano está dotada con 3,5 millóns de euros.