O deputado de Deportes Efrén Castro, a tenente de alcalde da Pastoriza Elva Carreira e o director de PTC Escuela Antonio Solórzano presentaron este mediodía o evento que se celebrará os días 9 e 10 de xullo no circuíto da Pastoriza.
O programa mantén o formato das edicións anteriores, cunha parte formativa na que as persoas participantes reciben un curso de condución para igualar e equilibrar os coñecementos entre uns e outros, e outra puramente competitiva, cunha proba cronometrada da que sae o vencedor do Volante Deputación de Lugo, que recibe como premio a participación como piloto titular no Rally San Froilán 2022, dentro da estrutura do equipo de competición PTC.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, subliñou “a posibilidade que o Volante Deputación ofrece a pilotos noveis para formarse e entrar en contacto coa competición de forma gratuíta, alimentando desde a base a afección ao automobilismo que ten moito arraigo nas distintas comarcas como se reflicte nas distintas probas federadas que se disputan na provincia e que tamén apoiamos desde a Vicepresidencia”.
A tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira, tamén expresou a súa satisfacción pola continuidade do Volante Deputación que “pon en valor unhas instalacións ubicadas no concello e converte Pastoriza nun punto de referencia para os afeccionados e afeccionadas ao automobilismo”
Inscricións do 20 de xuño ao 6 de xullo
O prazo para enviar os formularios de inscrición ábrese o luns 20 de xuño ás 9:00 horas e remata o mércores 6 de xullo ás 24:00 horas. As solicitudes, que estarán dispoñibles na web de PTC Escuela, deberán enviarse ao enderezo electrónico piloto@ptcescuela.com.
Entre os requisitos de participación, figuran os seguintes:
– Ter entre 18 e 32 anos na data de celebración da selección (9 e 10 de xullo de 2022).
– Estar empadroado/a en calquera dos municipios da provincia de Lugo, con anterioridade ao 20 de xuño de 2022.
– Non ter quedado como piloto (condutor/condutora) entre os 5 primeiros postos de calquera trofeo, copa ou campionato de ámbito nacional ou rexional de calquera disciplina automobilística, con excepción do karting, nos últimos 8 anos (2015‐2022, ámbolos dous incluídos).
– Non ter quedado como piloto (condutor/condutora) entre os 5 primeiros postos da xeral na clasificación final de calquera evento ou proba de ámbito nacional ou rexional de calquera disciplina automobilística, con excepción do karting, nos últimos 8 anos (2015‐2022, ámbolos dous
incluídos).
– Non ter gañado ningunha edición do denominado “Volante Deputación” ou outra selección de pilotos celebrada nos últimos 10 anos. (2012‐2021, ámbolos dous incluídos)
A selección dos participantes do Volante Deputación farase por estrita orde de recepción do mail coa documentación solicitada, totalmente cuberta e asinada, ata cubrir as 160 prazas dispoñibles.