Compareceron neste acto de presentación o excelentísimo alcalde do Vicedo D. José Jesús Novo Martínez acompañado do delegado territorial en Lugo da Xunta de Galicia D. Javier Arias Fouz e dos artistas Enrique Domínguez e Andrea Pousa (Queiman & Pousa), quen levaron a parte artística en anteriores edicións.
O máximo responsable do equipo de goberno vicedense indicou que a Romaxe deste ano “está deseñada para chegar á maior xente posible”, comezando polo cartel promocional creado polo ilustrador ortegano Cristian F. Caruncho e a presentación na cidade de Lugo, acto xa habitual.
O rexidor tamén avanzou as partes dun programa “moi completo e optimizado, xa que o tempo dá para o que dá” que contará cun gran torneo medieval con especialistas a cabalo, espectáculos de lume, enterramento e voda viquinga. Como especial novidade este ano, xa de si completo, hai que destacar a participación de Marionetas Trécola, que presentarán unha obra de teatro viquinga, posiblemente a primeira que exista en Galicia. O evento está organizado de maneira que haxa actividades ao longo de todo o día e a noite, de maneira que adultos e nenos e nenas poidan atopar sempre algunha actividade do seu interese.
Quixo por último o alcalde do Vicedo agradecer ao delegado territorial da Xunta en Lugo, D. Javier Arias Fouz a colaboración da Xunta con este evento, poñendo a disposición da organización a presentación do evento en Lugo.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou o impulso que infunde este evento ao desenvolvemento turístico do municipio pese á súa corta traxectoria.
Neste sentido, o delegado lembrou que as campañas da Xunta Camiña a Galicia e Galicia Destino Seguro “axudaron xa o pasado ano a atraer turismo, e confiamos en seguir mellorando as cifras de visitantes grazas a una oferta baseada no patrimonio natural e cultural, con destinos non masificados e propostas diferenciadas como esta romaxe”.
Rematou a presentación coa espectacular proxección do video oficial da Romaxe Vïquinga 2019 e do trailer da curtametraxe Jakobsland (inspirada precisamente nesta romaxe e na chegada dos viquingos ao Vicedo)
Previamente tivo lugar o acto de presentación para os alumnos e alumnas do CEIP do Vicedo que participaron no Concurso de Debuxo Infantil Romaxe Viquinga. Establecéronse 2 categorías (de primeiro a terceiro de Primaria e de cuarto a sexto de primaria). Os dous primeiros clasificados de cada categoría levaron un lote de libros como premio ao seu traballo e todos os nenos e nenas do colexio levaron material escolar como agasallo e para premiar o seu labor. Amenizaron a presentación e actuaron na mesma os membros de Trécola producións, que presentaron varias das personaxes da obra “A saga de Flinn Havadr”, que representarán na Romaxe Viquinga.