Viveiro, 24 de xuño, 2022. Ante a inminente celebración do Festival Resurrection Fest 2022 desde o mércores 29 de xuño ao domingo 3 de xullo, a Policía Local de Viveiro prevé un gran aumento da mobilidade e dos desprazamentos por estrada, o que pode ocasionar retencións, así como dificultades á hora de atopar estacionamento.
Por iso, en desprazamentos urbanos de curto percorrido, e na medida do posible, recoméndase evitar o uso do automóbil, optando por outras modalidades de desprazamento, ou mesmo evitar os desprazamentos en horas de circulación intensa (entradas e saídas laborais).
Produciranse algúns cambios ou modificacións na circulación, tales como:
-Rúa Lavandeiras: habilitarase dobre sentido de circulación desde a Conserveira ata a intersección con Avd. Ramón Canosa (Praza Naufrago) desde o luns 27 de xuño ata o martes 5 de xullo.
-Avd. de Ramón Canosa: tramo que discorre por diante da Consellería do Mar de Celeiro, comprendido entre a Depuradora e o cruce da piscina. Verase restrinxida a circulación (só permitida para autorizados) durante a celebración do Festival (de mércores a domingo)
-O venres día 1 de xullo celebrarase o mercado de feira na explanada de estacionamento da Variante, como é habitual, polo que se necesitará que, en horario de 06:00 horas a 16:00 horas, esté libre de vehículos para que se poidan montar os postos do mercado e realizar os labores de limpeza unha vez finalice.
-O luns día 4 de xullo terá lugar a “operación saída” do Festival, ante o que se prevé que se formen longas retencións de tráfico, polo que se recomenda que, na medida do posible, evítense desprazamentos por estrada.
Agradécese a colaboración da cidadanía e recoméndase prudencia e calma na condución.