Ribadeo, 22 de xuño de 2022. A mexicana Lila Downs ofrecerá un concerto na vila o vindeiro 10 de xullo. Enmárcase dentro da programación do Ribadeo Indiano 2022. Lila Downs é unha das voces máis poderosas e singulares que existen no panorama musical mundial hoxe en día, gañou un Grammy en 2013 e conta con 6 Grammys Latinos. Ten compartido escenario e gravado discos con Chavela Vargas, Carlos Santana, The Chieftains ou Natalia Lafourcade, entre outros. O concerto foi presentado polo Concello e por Acisa.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “nesta VII edición, que ten como protagonista á muller na emigración, a organización do evento considera necesario contar coa presenza dunha artista internacional, que siga posicionando o Ribadeo Indiano como un referente turístico-cultural de primeira orde en todo o país. Así, Concello de Ribadeo e Acisa decidiron convidar a Ana Lila Downs Sánchez, más coñecida como Lila Downs, cantante, compositora, produtora, actriz e antropóloga mexicana, dúas veces nominada e gañadora no 2013 dun Grammy, e en seis ocasións dos Grammy latinos”.
A edil ribadense subliñou que “se trata dunha das voces máis poderosas e singulares que existen no panorama musical mundial hoxe en día. Considerada unha das artistas femininas más influíntes de México pola revista Forbes, destaca polo seu apoio a diversos proxectos culturais e sociais dando voz aos migrantes e indíxenas, especialmente ás mulleres de escasos recursos para que continúen cos seus estudos”.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, sinalou que “a súa simbólica presenza nun escenario, contando conmovedoras historias, transcendeu todas as barreiras da linguaxe. Nas súas composicións atopamos influencias que van desde a música folclórica e rancheira de México ata a música do sur de Estados Unidos, cruzando barreiras e xerando sons que van desde o folk, o jazz, o blues folclórico e indíxena ata o hip hop. Ademais na súa longa e exitosa carreira, ten compartido escenario e gravado discos con artistas como Chavela Vargas, Carlos Santana, The Chieftains, Ray Cooder, Juan Gabriel ou Natalia Lafourcade, entre outros”.
E engadiu que “esta magnífica actuación terá lugar o domingo, 10 de xullo, ás 20:30 horas no barrio de San Roque. Queremos reiterar que desde a organización estamos encantados de traer a Ribadeo unha actuación desta categoría coa que poderemos gozar de composicións e versións como La Llorona, La Martiniana, Cariñito ou Zapata se queda”.
A presentación do concerto de Lila Downs tivo lugar no parque de San Francisco. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, Carmen Cruzado, vogal da asociación empresarial ribadense, e Begoña García, técnica de Turismo do Concello de Ribadeo.