Foz, 24 de xuño de 2022. O Concello de Foz reinicia o festival VRAO, que se converterá “no mellor escenario da música independente galega. O Concello reúne o 13 e 14 de agosto unha selección dos mellores artistas da escena musical independente da nosa comunidade”, anunciaron o alcalde, Fran Cajoto e a concelleira de Cultura, Inés López, que presentaron o evento hoxe, xoves.
Fran Cajoto e Inés López destacaron que “o festival VRAO presentará nas rúas focegas os espectáculos de grandes bandas coma Dios ke te crew, Ortiga, Grande Amore ou Familia Caamagno. Tamén intervirán Momboi, Macheta Supahsound, Vilouta dj e Músculo! dj set. O Festival VRAO é a gran aposta da localidade cara aos creadores musicais galegos e os eventos culturais de calidade. Todas as actuacións do festival VRAO realizaranse nunha carpa habilitada na Praza Conde de Fontao, no porto de Foz, os días 13 e 14 de agosto desde as 21.00 ata as 3.00 horas. O acceso aos concertos será totalmente gratuíto”.
A concelleira de Cultura engadiu “apostamos pola xente, apostamos polas bandas galegas e apostamos polo espectáculo. Foz é un referente en moitos sentidos e tamén o vai ser na música independente. Sementamos cultura”.
O alcalde móstrase moi ilusionado polo evento: “non foi fácil traer bandas desta calidade e que están a ter tanta pegada no panorama galego. Seguimos a traballar para organizar un verán que vai ser máxico, tamén no panorama cultural e musical.”