Viveiro, 10 de xuño de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, asistiron onte á inauguración da exposición “Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida”, dedicada á poeta Luz Pozo Garza, no centenario do seu nacemento.
A inauguración celebrouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia, situada na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A mostra percorre en cen pezas a traxectoria desta poeta, quen ten un especial vínculo coa vila de Viveiro.
Así, Luz Pozo Garza foi nomeada en 2018 filla adoptiva de Viveiro, en homenaxe á súa importante traxectoria literaria así como á súa vinculación coa vila. A poeta medrou en Viveiro, onde tamén impartiu clases e cuxa cidadanía aprecia á escritora.
“Pozo Garza é un dos grandes referentes das nosas letras, ademais dun exemplo para as mulleres no eido cultural, por ser unha das poetas pioneiras nunha época na que a literatura feminina aínda era complicada”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Ademais, onte, 9 de xuño, celebrouse o Día Internacional dos Arquivos, coincidindo con esta visita das representantes municipais ao Arquivo de Galicia.
“Un día no que cómpre resaltar a importancia dos arquivos para manter a nosa memoria, tradición e cultura, como fontes e rexistros das experiencias dos nosos devanceiros”, engade a alcaldesa.