“Queremos facer un festival de fin de curso aberto a toda a cidadanía, de aí que o realicemos no Auditorio de Cabanela. Dado o volume, tanto de alumnado como de público asistente a estes festivais, cada vez nos é máis difícil facelos en recintos pechados”, sinala Hugo García, responsable da EMMeD de Ribadeo.
Hugo García salientou que “o festival será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…O único que nos falta agora é que o tempo nos bote unha man pois senón verémonos obrigados a trasladar as actividades ao auditorio”.
Pola súa banda, a edil de Ensino, Mari Luz Álvarez Lastra, quixo poñer en valor o feito de que pouco a pouco “a Escola recuperou unha das súas características fundacionais que é o feito de achegar a música ao conxunto de veciños e veciñas da vila. Comezamos con actuacións de pequeno formato e agora chega o momento de recuperar tamén os festivais aos que a Escola nos ten acostumados e que, como tantas outras cousas no noso día a día, a pandemia nos deixou sen poder desfrutalas”.
O responsable do centro valora de maneira “moi positiva o curso 2021/2022” e considera que “é preciso seguir traballando tal e como o vimos facendo ata o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos. A pesar destes anos de incerteza sanitaria o centro mantivo o número de matrículas, con preto de 360 persoas inscritas, e o número de docentes, trece”.
A dirección da EMMeD de Ribadeo xa traballa na preparación do curso 2022/2023 no que non haberá grandes cambios. Antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo achegarase a varias parroquias ribadenses para ofrecer pequenos concertos continuando así co proxecto Musiqueando polas parroquias.