Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclama á Xunta que conceda canto antes axudas as ganderías para paliar o impacto da guerra

O acordo inclúe tamén pedir á Xunta poña en funcionamento un Observatorio de Prezos que evite que os produtores vendan a perdas, e tamén que se cree unha Axencia de Información e Control Alimentarios

Lugo, 28 de xuño de 2022. A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a que convoque canto antes unha liña de axudas para o sector gandeiro co fin de paliar o impacto da guerra de Ucraína. Así se acordou por unanimidade no Pleno ordinario do mes de xuño celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Goberno provincial.

A voceira socialista provincial, Pilar García Porto, expuxo que a Deputación reclama “unhas achegas directas ao sector agrario, complementarias e da mesma cantidade que as dedicadas polo Estado aos produtores de Galicia, e destinadas aos subsectores gandeiros de carne, tanto de vacún, ovino e cabrún, como avícola e cunícola”.

A institución provincial tamén insta a que o Goberno galego poña en funcionamento un Observatorio de Prezos que evite que os produtores cheguen a vender a perdas, e tamén a creación dunha Axencia autonómica de Información e Control Alimentarios como ferramenta para axudar a conseguir os obxectivos fixados pola Lei da Cadea Alimentaria.

García Porto puxo de manifesto que, “mentres a Xunta aínda non ten achegado nin un só euro en axudas ao sector, o Goberno de Sánchez duplicou a solicitude de fondos que lle pedira o ex presidente Feijóo”. Lembrou, nese sentido, que o pasado 30 de maio, 6.434 gandeiros e gandeiras galegos de leite percibiron xa 55M€, dos que 25 millóns corresponderon ás 2.835 explotacións leiteiras da provincia de Lugo.

Especificou, así mesmo, que o sector cárnico está na mesma situación. “Nin un só euro da Xunta, mentres que o Ministerio de Agricultura xa se moveu e ten en trámite as achegas”, manifestou a Deputada no Pleno. “Hai que falar de que hai uns meses os prezos do leite estaban en 29 e 30 céntimos, e hoxe están en 40 e 41 céntimos, e dende logo este resultado non foi froito da loita do Partido Popular nin das súa implicación alí onde gobernan”, dixo.

A Deputada lembrou que a proposta vai na liña da iniciativa aprobada por unanimidade o pasado 17 de xuño no Parlamento de Galicia a instancia do PSdeG para reclamar tamén unha liña de axudas ao sector agrogandeiro con fondo propios. “Naquel momento estivemos de acordo, pero é necesario lembrar tamén que Feijóo cando aínda era Presidente lle reclamaba ao Goberno do Estado 65 millóns de euros, a mesma cantidade que aportaba a Unión Europea”. Así mesmo, afirmou que dende aquel momento, ademais das medidas xerais de bonificación dos carburantes, o Goberno de España aprobou un paquete de axudas para o sector duns 360 millóns de euros, 169 deles de xeito específico para o sector lácteo; e concretou, que no caso dos sectores agrogandeiros, o Goberno “duplica a axuda europea de 65 millóns de euros, aportando outros 128 ata chegar a un total de 193 millóns de euros”.

Tres meses despois, dixo, “sorprende escoitar a Feijóo que agora desmerece esas axudas e cualifícaas de fracaso”. “Queremos que a Xunta cumpra e un compromiso firme cos gandeiros e gandeiras da provincia”, concluíu.

Exit mobile version