Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación organiza actividades gratuítas de lecer en contornas fluviais de 10 concellos durante xullo e agosto

Os concellos de Begonte, Láncara, Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna, Alfoz, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz acollerán o programa entre o 2 de xullo e o 15 de agosto. As inscricións poden facerse no propio lugar da actividade ou no 636.504.155

Lugo, 30 de xuño de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no paseo do Río Rato o programa de Actividades Fluviais que a institución provincial ofrecerá de maneira gratuíta en 10 concellos da provincia dende o vindeiro sábado, 2 de xullo, ata o 15 de agosto. No acto tamén participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto a alcaldes, alcaldesas e representantes municipais das localidades nas que terán lugar estas propostas de lecer.

A programación, que chega á súa terceira edición, está dirixida a un público familiar, podendo anotarse maiores de 6 anos de idade no propio lugar da actividade ou a través do teléfono 636.504.155. Entre as actividades ofertadas, os participantes poden realizar kaiak, paddle surf ou inchables, ademais doutros xogos nas contornas fluviais.

Os 10 concellos que acollerán esta proposta de ocio son Begonte, Láncara, Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna e Alfoz, nos que a Deputación xa organizou este programa en anteriores edicións, e A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, que se incorporan este ano.

“Con esta programación de Actividades Fluviais, ofrecemos ós veciños e veciñas do noso rural unha alternativa de ocio activo, ao aire libre, que pon en valor os espazos naturais, e que axuda a dinamizar a vida social e económica dos concellos”, sinalou o mandatario provincial, quen, explicou, ao mesmo tempo “seguimos consolidando un turismo de calidade e sostible, un turismo de experiencias, con capacidade para atraer xente durante todo o ano, que se apoia en elementos tan diversos como o medio ambiente, a gastronomía, a cultura, os monumentos ou mesmo as rodaxes de cine”.

“Manter unha oferta de ocio de calidade continuada é a mellor maneira de respaldar ó sector turístico, á hostalería e ó comercio local, porque todos sabemos que onde hai actividades de lecer, hai consumo, sobre todo no sector servizos”, asegurou o Presidente. Así, engadiu José Tomé, “a mensaxe que lanzamos é moi sinxela: sempre hai un motivo para vir á provincia de Lugo. Para que veñan os de fóra e para que os de aquí nos movamos para coñecer mellor o noso territorio”.

O Presidente lembrou neste sentido que as Actividades Fluviais súmanse a outras propostas que a Deputación de Lugo ten en marcha como o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate; o programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán esta tempada unhas 3.000 persoas de 135 asociacións, ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, unhas xornadas de lecer e gastronómicas que estamos preparando para o mes de agosto.

Calendario

A Fonsagrada – Pena do Inferno
2 de xullo. De 17 a 20 horas

Láncara – Praia fluvial da Pobra de San Xiao
16 de xullo. De 16 a 19 horas

Begonte – Praia fluvial de Begonte
17 de xullo. De 16 a 19 horas

Trabada – Ría de Abres
23 de xullo. De 11 a 14 horas

Monterroso – Área recreativa A Peneda
24 de xullo. De 16 a 19 horas

Ribeira de Piquín – Chao do Pousadoiro
30 de xullo. De 16 a 19 horas

Vilalba – Área recreativa da Madalena
6 de agosto. De 16:30 a 19:30 horas

Navia de Suarna – Praia fluvial da Pobra de Navia
13 de agosto. De 16 a 19 horas

Alfoz – Lugar do Trece (Carballido)
14 de agosto. De 16 a 19 horas

Negueira de Muñiz – Área Recreativa da Veiga
15 de agosto. De 16 a 19 horas

Exit mobile version