As obras afectan a practicamente a totalidade da vía, 14,2 quilómetros, e consisten na limpeza de cunetas, reparación de afundimentos e defectos que presente o firme, repavimentación nos treitos que sexa necesario e instalación dunha barreira de seguridade en varios tramos
As tarefas levaranse a cabo en 14,2 quilómetros e consistirán na limpeza de cunetas, reparación de afundimentos e defectos que presente o firme, repavimentación nos treitos que sexa necesario e instalación dunha barreira de seguridade en varios tramos do trazado. Os traballos levaranse a cabo durante as vindeiras semanas e está previsto que rematen na primeira quincena de xullo.
Trátase dunha vía moi empregada non só pola veciñanza dos concellos de Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, se non tamén por aquelas persoas que se achegan á zona de montaña dende a Terra Chá. Ademais, empresas forestais empregan habitualmente esta vía para transportar madeira. Ao ser unha estrada que transcorre na súa maior parte pola montaña, as tarefas de conservación durante o inverno para evitar o xeo e a neve danaron o trazado, que agora está a ser mellorado.
A institución provincial enmarca estas actuacións na liña de traballo levada a cabo para a mellora da rede viaria provincial, que, con 4.217 quilómetros, é a máis extensa de toda España. Estas actuacións permiten aumentar a calidade de vida da veciñanza á vez que favorecen o equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades no rural.
Máis de 14M€ na Montaña
A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 14M€ en infraestruturas viarias na Montaña a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, preto de 900 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 110 vías. Discorren polos municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.
A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.