O Presidente, José Tomé Roca, asinou hoxe co Alcalde, Francisco Cajoto Caserío, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega máis do 70% do financiamento necesario para actuacións nas rúas que comunican o centro e os comercios coa praia da Rapadoira e a zona de hostalería
Lugo, 21 de xuño de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou xunto co Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ó Concello medio millón de euros para mellorar a mobilidade e a accesibilidade de varias rúas que conectan o centro da vila mariñana e os comercios coa praia da Rapadoira e a zona de hostalaría. A achega da Deputación representa máis do 70% do investimento necesario para sacar adiante esta actuación, á que o Concello dedica 224.000€, polo que o importe total ascende a preto de 800.000€.
O acto de sinatura do convenio celebrouse na propia Praza de Galicia de Foz, unha das zonas nas que se vai actuar, coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, concelleiros e concelleiras da Corporación municipal e o técnico encargado do proxecto.
José Tomé subliñou que esta actuación “marcará un antes e un despois na mobilidade e na accesibilidade” da vila focense, e que, unha vez que firmado o convenio, o Concello xa pode licitar de inmediato as obras, que xa teñen o proxecto redactado. Polo tanto, estamos falando de feitos, de accións concretas”.
O proxecto, segundo sinalou o mandatario provincial, “fará máis fáciles, máis cómodos e máis accesibles os desprazamentos dende o centro de Foz e a zona comercial ata a zona da praia e da hostalería, seguindo para elo o disposto no Plan de Mobilidade que ten o Concello para o casco urbano. Ademais, inclúe outra cuestión tan importante como a renovación das redes de saneamento e abastecemento”.
Polo tanto, asegurou, “esta actuación supón un salto cualitativo na mellora dos servizos públicos e da mobilidade neste concello e, como tal, beneficiará a calidade de vida dos veciños e veciñas, e a actividade das empresas e o turismo”.
Máis de 3M€ da Deputación en Foz
O Presidente enmarcou esta iniciativa na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Foz para que poida ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”, apuntando que esta colaboración “traduciuse nun investimento que supera os 3M€ da Deputación no municipio mariñano, só no que vai de mandato, para obras e servizos necesarios para os veciños e veciñas”. Avanzou así mesmo que “vamos a seguir nesta liña, traballando e colaborando co Concello de Foz e con todos os concellos da provincia na medida das posibilidades da Deputación, sen mirar cores políticas, senón sempre ao servizo da xente”.
Engadiu José Tomé que “na construción do futuro que queremos para a provincia, temos que traballar todos xuntos, cada un dende as nosas respectivas responsabilidades. Estou convencido de que o Concello de Foz e o seu Alcalde van seguir sendo unha peza importante dese futuro, do desenvolvemento da provincia de Lugo. E nese camiño, van atopar sempre a compañía e o respaldo da Deputación”.
Actuacións
O proxecto para mellorar a accesibilidade no centro urbano de Foz que cofinancia a Deputación afectará ás rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e á Praza de Galicia. Contempla a construción de beirarrúas anchas, de dous metros, e a conversión das vías de dobre sentido a unha de sentido único en dirección á zona de praia cunha calzada compartida entre vehículos e bicicletas, con pasos de peóns elevados para calmar o tráfico. Na Praza de Galicia está previsto deixar unha plataforma única delimitada só para residentes.
A actuación repercutirá no calmado do trafico con pasos elevados de peóns e beirarrúas accesibles, xa que na actualidade constitúen unha barreira arquitectónica para persoas con problemas de mobilidade.
A mellora deste eixo urbano permitirá constituír un camiño peonil seguro para todos aqueles que se despracen entre o centro da vila e a zona da Rapadoira, nun espazo sensible ademais pola presenza do Colexio Público Número 1.
Está prevista tamén a construción dunha nova rede de colectores de saneamento por calzada mediante a separación de residuais e pluviais e a reposición do abastecemento, renovando as tubaxes. Tamén a reposición do alumeado público coa substitución das luminarias existentes por outras de baixo consumo e colocaranse elementos para humanizar a zona, como árbores, bancos e papeleiras, así como pantallas para cubrir os colectores de lixo.
Outros investimentos
Acompañado polo Alcalde do municipio, o Presidente da Deputación visitou tamén as obras de urbanización da rúa Costa do Castro, para as que a institución provincial achegou medio millón de euros a través dun convenio asinado o verán pasado. As actuacións, que comezaron en marzo e que teñen un prazo de execución de 8 meses, consisten na mellora do firme e a construción de beirarrúas, soterrando o tendido eléctrico e dotando o percorrido de alumeado público que combine a calidade lumínica e a eficiencia enerxética.
En materia de mobilidade, Tomé Roca comprobou as melloras feitas na estrada provincial de San Acisclo, a LU-P-0210, entre Foz e Alfoz, ás que a Deputación destinou 110.000€ e que quedou totalmente ampliada e acondicionada. Entre os traballos realizados, a institución provincial dotou a esta vía de beirarrúas, instalou sumidoiros e cunetas, aglomerou, sinalizou e acometeu melloras no alumeado, instalando seis novos puntos de luz. A estrada, que soporta moito tráfico, é o camiño máis curto da veciñanza de Foz e Alfoz para chegar á costa, ademais de dar servizo aos serradoiros de madeira da zona.
Por último, o Presidente visitou o novo local da Asociación de Veciños Río de Ouro de San Acisclo, anexo ao edificio da Escola. A Deputación destinou 43.000€ a un convenio de colaboración asinado con esta entidade, grazas ao que puido ampliar o seu aforo e realizar actividades como obras de teatro, pequenos concertos ou sesións de cine.